A Escola Bernardo del Río estreará a materia de iniciación á música para nenos de 3 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Escola Municipal Bernardo del Río ampliará o vindeiro curso o espectro de idades para acceder ás ensinanzas musicais creando o nivel de “Iniciación á Música” destinado a nenos e nenas de 3 anos. Con esta materia, o centro ofrece a oportunidade de que os máis cativos se familiaricen coa música a unha idade máis temperá, que é cando máis sensibles son a todo tipo de estímulos e cando máis fácil lles resulta a aprendizaxe. A reserva de praza para esta materia, así como para os restantes cursos da Escola Municipal de Música para alumnos de novo ingreso ábrese o luns, 8 de abril.

O centro Bernardo del Río coida especialmente a educación musical dos alumnos máis novos co obxectivo de que teñan a oportunidade de coñecer a música canto antes e para que, aqueles que presenten aptitudes especiais, poidan desenvolvelas tamén dende idades temperás. Con esta filosofía impartiranse as clases de Iniciación á Música (para alumnos de 3 anos), e tamén as de Música e Movemento (para educandos de 4 a 7 anos). Dado a curta idade dos alumnos, a materia de Iniciación á Música consistirá nunha clase semana de 50 minutos de duración a realizar os venres en horario de 17:30 a 18:20 ou de 18:30 a 19:20 horas.

Aprendizaxe lúdico

Nestes dous niveis iniciais das ensinanzas que se imparten na Escola de Música, os alumnos poderán achegarse á música e gozar dela, traballando de xeito lúdico as características dos sons que a conforman:altura, timbre, duración e intensidade. Para elo, as clases no nivel de Iniciación á Música e de Música e Movemento inclúen audicións como punto de partida para abordar os puntos a explicar en cada sesión; cancións coas que ensaiar canto, baile, acompañamento e psicomotricidade; instrumentos de percusión para traballar os ritmos, coordinación e acompañamento de cancións; contos musicais para favorecer a integración do neno nun sistema onde a música reforza a capacidade expresiva, a concentración, as posibilidades Creativas e a imaxinación, así como o entendemento global de varias materias xuntas. Nestes niveis tamén se presentan aos cativos os diversos instrumentos musicais que conforman unha orquestra, tanto de xeito individual como por familias.

Outra das novidades que o centro introducirá o vindeiro curso será a creación de talleres de piano, percusión e corda para alumnos de 5 a 7 anos.

15 instrumentos para alumnos de 8 anos en diante

A partir dos 8 anos, os nenos, mozos e adultos sen límite de idade que desexen aprender a tocar un instrumento poderán cursar estudos no centro elixindo entre as diversas opcións que se ofertan: piano, guitarra, frauta traveseira, violín, viola, chelo, contrabaixo, clarinete, saxo alto e tenor, trompa, trompeta, trombón, bombardino e percusión.

Por outra banda, a Escola Municipal de Música informa de que o vindeiro luns, 8 de abril, ábrese o período de solicitude de praza para alumnos de novo ingreso en calquera dos niveis que se impartirán no centro durante o curso 2013/14. As solicitudes deberanse presentar nas oficinas do centro, sitas na antiga escola do ramal, en horario de mañá e tarde. O impreso a cubrir pódese recoller alí mesmo ou imprimir do taboleiro de descargas da web www.emmusicavilagarcia.com, e enviar cuberto á dirección mail escolamusica@vilagarcia.es

O prazo para realizar o trámite remata o venres 12 de abril.

5 de abril de 2013 | 10:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.