A educación en igualdade centrará a programación de primavera da Aula Lúdica Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A aula lúdica municipal do Concello da Laracha xa comezou a desenvolver a programación da primavera co proxecto titulado “A igualdade: un traballo en equipo”, en cuxa organización participan as concellerías de servizos sociais e de cultura por medio do persoal adscrito á propia aula lúdica, á biblioteca da Laracha e tamén ao Centro de Información ás Mulleres (CIM).

As actividades que se realizarán ata mediados do mes de xuño centraranse nos valores da educación en igualdade e na corresponsabilidade, reforzándose, deste xeito, o traballo que desde o Concello da Laracha se realiza todos os anos impartindo obradoiros nos centros de ensino existentes no municipio.

Esta nova programación compleméntase con sesións semanais de contacontos que teñen lugar todos os venres. O novo ciclo denomínase “Érase unha vez… a igualdade” e terá, ata o final da primavera, as seguintes datas e títulos:

– 19 de abril: El príncipe Lapio.

– 26 de abril: Iris, a nena futbolista.

– 3 de maio: El niño extranjero de la clase.

– 10 de maio: Jorge y su hermanita la bebé.

– 16 de maio (xoves): Os contos para nenas e para nenos.

– 24 de maio: Manuel, o gato policía.

– 31 de maio: Ella sí puede.

– 7 de xuño: Menuda excursión.

– 14 de xuño: Chica ou chico.

– 21 de xuño: Un día inolvidable.

Os existosos contacontos que se veñen realizando desde hai anos foron premiado en varias ocasións co María Moliner, galardón que outorga anualmente o Ministerio de Cultura para recoñecer a labor de fomento da lectura entre os rapaces.

Cabe lembrar que a aula lúdica municipal, situada no edificio de servizos múltiples, é un servizo gratuíto que o Concello da Laracha ofrece ás familias, dándolles a posibilidade aos pais con ocupacións de deixar nela aos nenos o tempo preciso, onde estarán atendidos en todo momento por profesionais especializados en educación infantil.

O horario de apertura durante o inverno é, de luns a venres, de 16.30 a 20.30 horas. Para facer uso da instalación é preciso solicitar ser usuario no CIM, acudindo ao novo edificio administrativo. Os únicos requisitos son que os nenos teñan entre 3 e 12 anos de idade e estean empadroados no Concello da Laracha.

O funcionamento da aula lúdica municipal enmárcase no denominado programa para de axuda á conciliación da vida persoal e laboral “Harmoniza”, que é cofinanciado entre o Concello da Laracha, a Deputación Provincial da Coruña e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

15 de abril de 2013 | 09:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.