A Domus da Coruña celebra do 22 ao 28 de abril a Semana do ADN

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal
A-
A+

A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, informa de que con motivo da celebración do Día Mundial do ADN, prevista para o próximo 25 de abril, a Domus acolle do 22 o 28 deste mes un completo e atractivo programa de actividades para achegarse á investigación xenética no seu Laboratorio Aberto.

Talleres para escolares, sesións especiais para familias e unha noite no museo son as opcións para aqueles que sentan curiosidade polo mundo da ciencia, a xenética e a investigación. O Concello organiza a Semana do ADN en colaboración con educaBarrié, o espazo de encontro e intercambio de coñecemento dirixido á comunidade educativa da Fundación Barrié -entidade que tamén promove a exposición Farmacogenómica e medicina personalizada, inaugurada na Domus o pasado mes de xaneiro- e no marco da aposta da Fundación pola investigación, a innovación didáctica e o fomento de vocacións científicas entre o alumnado galego.

Para participar nas actividades é necesario reservar praza a través do número de teléfono 981 189 840 ou a través do envío dun correo electrónico a domus@casaciencias.org, en que se indique nome e apelidos, teléfono de contacto e correo electrónico. O programa da semana dedicada ao ADN inclúe:

– Talleres de experimentación para familias: sábado 27 e domingo 28 de abril ás 17.00 horas. Unha actividade pensada para familias con nenos a partir de 7 anos.

– Talleres de experimentación para centros educativos: luns 22 e xoves 25 de abril ás 10.00 e 12.30 horas. Dirixido a escolares de 6º de Primaria. Para participar, o centro escolar debe realizar unha reserva previa.

– Noite na Domus: dende as 19.30 horas do venres 26 de abril ata as 10.30 horas do sábado. Para nenos de 11 a 13 anos, que realizarán un taller de experimentos e outras actividades na Domus e durmirán no museo.

11 de abril de 2013 | 09:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.