A Deputación investirá 76.000 euros no parque Sofía Casanova e no aparcadoiro do xardín botánico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá tres convenios de colaboración co alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, para financiar diferentes actuacións no municipio que suman, en total, preto de 140.000 euros de investimentos e que foron definidas polo rexedor coma “necesidades imperiosas para o concello”.

O primeiro dos acordos está dirixido a financiar as obras de renovación do parque infantil Sofía Casanova, en Vilaboa, sito entre as vivendas e o colexio. Con este acordo mudarase o mobiliario do parque, tanto na área infantil como no polideportivo. En estas actuacións, a institución provincial investirá un total de 35.493,54 euros. Esta cantidade supón o 71,375% dun orzamento que ascende a 49.728,14 euros.

Tamén grazas aos convenios asinados hoxe, a Deputación achegará financiamento ao proxecto de saneamento en Toroño e na rúa Arcebispo Xelmírez en Almeiras.

Neste caso, o investimento por parte da institución provincial ascenderá a 64.506,46 euros ou, o que é o mesmo, o 71,375% dun orzamento total de 90.376,61 euros e permitirá o saneamento da zona baixa que precisa dun colector especial para evitar o bombeo.

Por último, as obras do aparcadoiro de acceso ao Xardín Botánico contarán con 40.000 euros. A achega da Deputación da Coruña supón o 86,77% dun orzamento total de 46.101,22 euros. Con este convenio, este centro que acolle exposicións e actividades de forma continuada terá un espazo axeitado para que os visitantes se acheguen ao centro.

Colaboración da Deputación co Concello de Culleredo

Os convenios asinados hoxe súmanse ao acordado recentemente entre o Concello de Culleredo e a administración provincial para colaborar no financiamento da vivenda tutelada e a reserva de prazas para persoas usuarias destas instalacións. Neste caso, a Deputación achega máis de 33.000 euros a esta vivenda.

Ademais, dentro da colaboración da institución provincial cos municipios da provincia, é de salientar que Culleredo recibirá este ano un total de 475.312,89 euros procedentes do Plan de obras e servizos. Ademais, o Plan de conservación de vías provinciais recolle un investimento superior aos 240.000 euros en estradas de titularidade provincial dentro do municipio.

8 de abril de 2013 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.