A Deputación de Pontevedra e Fomento construirán unha senda ao campo de fútbol en Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisDeportesLocalPontevedraProvincias
A-
A+

O obxecto da visita foi comprobar a evolución dos traballos do campo, no que a Deputación inviste 1 millón de euros. Louzán destacou que ao remate desta tempada concluirán as obras polo que o novo campo estará operativa para a vindeira tempada. Dixo que só faltaba a construción da grada e vestiario, colocar aglomerado sobre o campo e, sobre el, axeitar o céspede artificial.

Na súa visita, a petición do alcalde, Louzán concordou co delegado de Fomento en Pontevedra, Pablo Domínguez, a construción dunha senda de 300 metros _continuidade das beirarrúas existentes na actualidade_ dende o remate das beirarrúas de Fomento que conectan o campo de fútbol coa vila de Cuntis. O obxecto desta colaboración entre institucións _que aplaudiu Louzán_ é mellorar a seguridade viaria dos rapaces e visitantes ao campo de fútbol de A Ran.

Outra das peticións realizadas polo alcalde será a mellora da sinalización informativa na estrada que procede de Caldas pois, na actualidade, turistas e visitantes da vila de Cuntis atópanse con dificultades para acceder a ela.

As obras que a Deputación acomete no campo de fútbol da Ran consisten en construción dun campo de fútbol de céspede artificial de última xeración de 105×63 metros; construción dun edificio anexo ó campo destinado a vestiarios, almacén e gradaría cuberta para 400 espectadores; urbanización da zona perimetral do campo e das zonas de acceso.; dotación de 4 torres de iluminación; mellora do peche perimetral; subministro dun xogo de porterías de fútbol once; dous xogos de porterías de fútbol sete; e un xogo de banderíns de córner; banquiños para suplentes; un marcador; e sistema de rego e de drenaxe coas canaletas de recollida de augas.

11 de abril de 2013 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.