A Coruña saca a concurso o servizo de reparación de danos na rede de saneamento
O Concello da Coruña saca a concurso a contratación dunha empresa especializada para emendar os danos que poidan xurdir na rede de saneamento e así garantir o seu correcto funcionamento. O Goberno local licita este servizo mediante procedemento aberto por un importe anual de 600.000 euros. A adxudicación efectuarase por
2 anos, aínda que prorrogable por dous máis.
A contratación deste servizo forma parte do compromiso adquirido polo Concello para pechar o ciclo integral da auga e que se suma a outros proxectos, como a recén aprobada ordenanza municipal de verteduras e que permitirá contar aos cinco municipios (A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros) que participan na xestión da depuradora de Bens cunha normativa común que garanta tanto o mantemento coma o funcionamento desta nova infraestrutura.
O Concello da Coruña cumpre así o acordo da Xunta de Goberno do pasado 5 de abril, na que se aprobou o expediente de contratación e se autorizou un investimento de 1,2 millóns de euros (300.000 euros en 2013; 600.000 euros en 2014; e 300.000 euros para o exercicio 2015); aínda que a duración do contrato se pode prorrogar por dous anos máis, ata un máximo de catro.











