A Coruña presenta un programa pioneiro na cidade de rutas escolares seguras

Presentación da campaña nun dos centros
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, e a concelleira de Tráfico, Mobilidade, Uso e Utilización do dominio público, Begoña Freire, acompañados da delegada de STOP Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, e a directora do Centro de Educación Infantil e Primaria Concepción Areal, Dores Fontenla, presentaron esta mañá o proxecto de camiño escolar seguro Ancas, agora quero ir camiñando ao cole, no centro. “Se trata dunha experiencia pioneira na Coruña pero que é habitual en países do norte e do centro de Europa. Esta iniciativa pretende que o alumnado vaia andando ao colexio con máis seguridade, sen ir sempre acompañado por persoas maiores,” detallou Mourelo quen explicou que estas rutas foron consultadas, consensuada e elaborada con toda a comunidade educativa do centro, pasando pola dirección, profesores, pais, nais e alumnos, así como coa asociación STOP Accidentes.
Trátase dunha experiencia piloto que queremos implantar en toda a cidade para facer da Coruña unha cidade máis saudable e segura e, en definitiva, con máis calidade de vida. Esta primeira toma de contacto poñerase en marcha no Concepción Areal e diríxese a alumnos de entre 10 e 12 anos, tendo en conta que os estudos sobre mobilidade infantil conclúe que os nenos destas idades teñen a capacidade para moverse sós polas súas localidades pero na práctica nin gozan nin desenvolven esa capacidade”, matizou o concelleiro.
Entre os seus principais obxectivos destacan o de incrementar o número de menores que acoden a diario camiñando ao colexio, favorecer que os menores acudan en compañía de amigos e compañeiros, e implicar os pais e nais no proxecto para garantir maiores cotas de autonomía infantil e un cambio nas pautas de mobilidade.
“O obxectivo é o de estimular e favorecer a autonomía dos nenos mediante percorridos seguros e vixiados dende os seus domicilios ao centro escolar e viceversa”, explicou o concelleiro de Educación, quen engadiu: “Estes proxectos son moito máis que iniciativas de mobilidade. Non só se trata dun proxecto de autonomía infantil e seguridade, tamén se trata de recuperar o uso e desfrute do espazo público. Ademais ten unha vertente evidentemente educativa xa que transformar as pautas de mobilidade e adquirir maiores graos de autonomía resulta algo enormemente instrutivo”.
Pola súa banda, a concelleira de Mobilidade, explicou que en total se desenvolveron sete rutas despois de analizar cos alumnos e as súas familias aspectos como a proximidade da residencia familiar ao centro educativo, o tempo que tardan en chegar ao colexio, a forma na que realizan este desprazamento, que opinan da ruta que realizan ou se é un itinerario con obstáculos ou, pola contra, se é un camiño agradable. Unha vez analizados os percorridos habituais dos alumnos establecéronse sete rutas para realizar o desprazamento a pé en grupos:
– Ruta 1. Inicio en Nicomedes Pastor Díaz – Novoa Santos – Xeneral Sanjurjo – Ramón e Cajal – Alcalde Marchesi – Benito Blanco Rajoy – Santiago Rei Fernández Latorre – Marqués de Amboage – Castro Chané.
– Ruta 2. Inicio en Alejandro Barreiro Noia – Xeneral Sanjurjo – A Gaiteira – Alcalde Marchesi – Benito Blanco Rajoy – Santiago Rei Fernández Latorre – Marqués de Amboage – Castro Chané.
– Ruta 3. Inicio en Concepción Areal – Catro Camiños – Santiago Rei Fernández Latorre – Marqués de Amboage – Castro Chané.
– Ruta 4. Inicio en Escalinata de Santa Lucía – Santiago Rei Fernández Latorre – Castro Chané.
– Ruta 5. Inicio na Rolda de Nelle – Santiago Rei Fernández Latorre a Mariscal Pardo de Cela – cruzamos viaduto de Alfonso Molina – Cabaleiros – Castro Chané.
– Ruta 6. Inicio en Avenida Dos mallos – Biscaia – Praza de Monforte – Mariscal Pardo de Cela – cruzamos viaduto de Alfonso Molina – Cabaleiros – Castro Chané.
– Ruta 7. Inicio San Vicente – Anxo Senra – Oidor Gregorio Tovar – Praza de Monforte – Mariscal Pardo de Cela – cruzamos viaduto de Alfonso Molina – Cabaleiros – Castro Chané.
Cada ruta contará cun monitor/familiar voluntario que servirá como referencia para realizar os desprazamentos a pé en grupos. A partir de aquí, estableceranse uns puntos concretos de encontro para os nenos dende os que irán xuntos realizando un “camiño seguro” ata o centro educativo. Ademais, tamén se conta coa colaboración dos comerciantes e hostaleiros da zona que colocarán un distintivo -coñecido polos alumnos nos traballos previos de sensibilización-, para que os menores saiban que non só están a ir polo camiño seguro senón que ante calquera eventualidade, teñan a seguridade de que en calquera dos establecementos que conte co devandito distintivo se lle prestará a atención que necesite nun momento dado, ademais da cal velarán por eles en caso de calquera contratempo. Durante os primeiros días de implantación, efectivos da Policía Local acompañarán os nenos e nenas nas diferentes rutas.
“Trátase dun proxecto colectivo. O papel da dirección do centro foi fundamental para levar a cabo este proxecto. Ademais, os protagonistas son os nenos e as nenas e a implicación que tiveron as súas nais e pais que coa súa comprensión e apoio, incentivan cambios nas pautas de mobilidade cotiá e favorecen que os menores vaian gañando graos de autonomía. Non podemos esquecer a implicación de STOP Accidentes, que xunto ao Concello e as asociacións de comerciantes e hostalaría fixeron posible este proxecto de cidade e grazas aos que construiremos unha Coruña mellor e máis humana,” explicou Freire que adiantou que a iniciativa se formula inicialmente como un proxecto piloto no centro Concepción Areal para seguir traballando e implementalo noutros centros.
“En definitiva, trátase de facer entre todos unhas rutas máis seguras, máis sociais e con máis sentimento de pertenza a un barrio no que todos axudamos e colaboramos”, concluíu a concelleira.
Os alumnos e alumnas formáronse ao longo do curso grazas ao proxecto A.N.C.A.S. (Asociación de nenos e nenas camiñantes por un ambiente sostible), representado pola ra que os comerciantes e hostaleiros lucirán nos seus escaparates e vitrinas. Esta iniciativa pretende que os menores adquiran a responsabilidade necesaria e unha actitude vial segura para levar a cabo este proxecto. Entre as actividades que levaron a cabo, figura a realización dun decálogo de comportamento no que os recorda que sempre deben de ir identificados cunha chapa da asociación, ser puntuais, non separarse do grupo, camiñar polas beirarrúas, non utilizar equipos electrónicos que poidan distraelos, dar exemplo cos máis pequenos e, en xeral, cumprir coas normas.











