A Coruña inviste 180.000 euros ao ano no correcto funcionamento das instalacións de bombeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello da Coruña saca a concurso o servizo de vixilancia, mantemento e conservación das instalacións de bombeo de rede de sumidoiros. O Goberno municipal investirá 180.000 euros. Esta iniciativa súmase á licitación, por un importe de 600.000 euros, do contrato da reparación dos danos que poidan xurdir na rede de saneamento.

A administración local licita este proxecto dentro do seu compromiso de mellorar o funcionamento e favorecer a conservación das instalacións da rede de augas pluviais e residuais recollidas polo sistema de rede de sumidoiros da cidade. A empresa adxudicataria terá que responder nun prazo non superior a unha hora naqueles servizos e reparacións de avarías que os técnicos municipais consideren urxentes. Ademais, o contrato inclúe os servizos de vixilancia permanente durante as 24 horas do día naquelas instalacións que o requiran; servizos de vixilancia periódica todos os días do ano de 09.00 a 19.00 horas; e mantemento, conservación e limpeza das instalacións durante os días laborais, tamén de 09.00 a 19.00 horas.

A Concellaría de Medio dispón de 180.000 euros anuais para a contratación deste servizo, que terán un prazo de duración de dous anos, aínda que coa posibilidade de prorrogalo por dous máis. Nun primeiro momento, inclúese unha relación de 14 instalacións, número que pode incrementarse a media que empecen a operar novas infraestruturas:

1. Bombeo de San Roque.
2. Bombeo de Durmideiras.
3. Bombeo de rede de sumidoiros Das xubias.
4. Bufador Das xubias.
5. Bombeo de rede de sumidoiros de Porta Real.
6. Bombeo de rede de sumidoiros de Parque Europa.
7. Bomba de achique do mercado de Monte Alto.
8. Bombeo de rede de sumidoiros e pozo areeiro da cala de Bens.
9. Bombeo de rede de sumidoiros do Portiño.
10. Bombeo de rede de sumidoiros Das lapas.
11. Bombeo de aseos da praia de Matadero.
12. Comporta de vertedoiro do pozo de bombeo de San Roque.
13. Instalacións de lavado do pozo de bombeo de San Roque.
14. Estación central do sistema de telexestión de bombeo de rede de sumidoiros.

O contrato de mantemento e conservación das estacións de bombeo da cidade súmase ao obxectivo municipal de pechar o ciclo integral da auga. Nesta mesma liña, o Concello sacou onte a concurso a contratación dunha empresa especializada para emendar os danos que poidan xurdir na rede de saneamento, unha licitación mediante procedemento aberto por un importe anual de 600.000 euros e unha duración de 2 anos, aínda que prorrogable por dous máis.

16 de abril de 2013 | 16:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.