A Coruña investirá 600.000 euros ao ano en garantir o funcionamento da rede de saneamento

Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá un investimento anual de 600.000 euros para a contratación do servizo de reparación de danos na rede municipal de saneamento, dentro do compromiso adquirido polo Concello para pechar o ciclo integral da auga. Na sesión celebrada hoxe tamén concedéronse licenzas urbanísticas por valor de 1,1 millóns de euros, entre as que destacan os permisos para instalar 12 ascensores e substituír outros dous, o que favorecerá o acceso ás súas vivendas de centos de coruñeses. Ademais, tomouse coñecemento da última sentenza do edificio Conde de Fenosa, que avala os argumentos municipais e declara inexecutable a demolición do inmoble.
MEDIO
A Xunta de Goberno aprobou a contratación dunha empresa especializada para emendar os danos que poidan xurdir na rede de saneamento e así garantir o seu correcto funcionamento. Será mediante procedemento aberto por un importe anual de 600.000 euros. A adxudicación efectuarase por 2 anos, aínda que prorrogable por dous máis.
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, destacou que unha das prioridades deste concello é pechar o ciclo integral da auga, polo que a este importante investimento na rede de saneamento se suma a ordenanza de verteduras que se aprobará en pleno o próximo luns e que permitirá contar aos cinco municipios (A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros) que participan na xestión da depuradora de Bens cunha normativa común que garanta tanto o mantemento coma o funcionamento desta nova infraestrutura.
SENTENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno tamén tomou coñecemento de sete sentenzas xudiciais favorables ao Concello, das que tres están relacionadas con asuntos urbanísticos. Neste sentido, o tenente de alcalde destacou o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que declara inexecutable a sentenza do edificio Conde de Fenosa por causa de imposibilidade material. A nova sentenza do Tribunal Superior dá a razón ao Concello grazas ao cambio de estratexia promovido polo actual equipo de goberno e a Asesoría Xurídica Municipal, o que supón evitar o derrubamento do inmoble e o posterior pagamento de indemnizacións millonarias.
O Concello tamén tomou coñecemento dunha sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 da Coruña contra o acordo que denegou a licenza de obras do polígono do Agra de San Amaro.
Os membros da Xunta de Goberno foron informados dunha terceira sentenza na que se desestima a solicitude de incoación de expediente de responsabilidade patrimonial por unha licenza de construción para un edificio en
Ás Xubias. A construtora, que alegou atrasos na tramitación do expediente, reclamara nos tribunais 870.000 euros.
LICENZAS
A Xunta de Goberno aprobou a concesión de licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 1,1 millóns de euros, o que eleva a cantidade dende o inicio do mandato ata os 210,77 millóns -só nas sesións celebradas este ano supéranse os 35,87 millóns-.
Entre os expedientes tramitados, Fernández Prado destacou que a maior parte se corresponden coas políticas municipais de mellora da accesibilidade, o que tamén permitirá a xeración de emprego e actividade económica. En concreto, na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá autorizouse a instalación de ascensores en 12 inmobles (na rolda de Outeiro, a avenida de Peruleiro e as rúas Corcubión, Entrepeñas, Anxo Rebolo, Ramón Cabanillas, Noia, Xustiza, Rianxo, Pascual Veiga, Páramo e Petunias). Neste último caso, outorgouse unha concesión demanial gratuíta para ocupar 7 metros cadrados do sistema local de rede viaria para a colocación deste elevador no Barrio das Flores, que discorrerá pola fachada do edificio.
A Xunta de Goberno tamén deu permiso para substituír dous ascensores en inmobles das rúas Gil Vicente e Alcalde Marchesi; e para eliminar as barreiras arquitectónicas dun portal da rúa Alcalde Peñamaría de Llano, o que facilitará o acceso ás persoas con mobilidade reducida.
CORUÑA WAPA
O Concello deu un paso máis na súa aposta pola transparencia na xestión administrativa e pola participación de todos os sectores sociais e empresariais da cidade. Nesta liña, e por proposta da Concellaría de Emprego e Empresa, a Xunta de Goberno nomeou os membros do xurado para a valoración das proposicións que se presenten ao concurso de ideas para a organización e imaxe do evento Coruña Wapa.
Será un tribunal presidido polo tenente de alcalde da área de Emprego e Empresa, Luisa Cid, ao ao que agora se incorporaron a Federación Provincial do Comercio, a Unión de Comercio Coruñesa, un profesor da Universidade coruñesa e un representante do sector empresarial -os dous últimos, con experiencia en mercadotecnia-.
O xurado estudará e elixirá as mellores ideas para a continuación sacar a concurso a organización de Coruña Wapa, un evento no que na última edición -outubro de 2012- participaron 44 establecementos e co que o Goberno local aposta por fomentar o consumo no pequeno comercio da cidade.











