A Coruña contratará a organización e produción de dous concursos de escaparatismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Emprego e Empresa, contratará a organización e produción de dous concursos de escaparatismo co obxectivo de potenciar e mellora a imaxe dos comercios participantes. Os concursos, que se celebrarán durante a tempada de verán, o primeiro e durante a tempada de outono-inverno o segundo, están dirixidos ao pequeno comercio que forma parte dalgunha das asociacións comerciais da cidade.

A iniciativa de realizar estes certames tomouse de xeito consensuado cos comerciantes, tras o éxito de participación de convocatorias anteriores, se ben se melloraron diferentes aspectos con respecto ás edicións pasadas. Estes concursos forman parte das diferentes accións que se levan a cabo dende a área de Emprego e Empresa para impulsar o pequeno comercio co obxectivo de que recupere o papel dinamizador que sempre tivo, consolidando o comercio coruñés como marca de excelencia, calidade e punto de referencia en toda Galicia.

Ademais de dinamizar o tecido comercial da Coruña, incentivando o número de visitas e o volume de vendas, esta iniciativa pretende que o comercio tradicional se converta nun importante atractivo para os clientes.

Requisitos

En canto aos requisitos do servizo figura o desenvolvemento das imaxes e lemas dos concursos, o deseño de contidos e as visitas concertadas aos comercios participantes para impartir formación sobre escaparatismo. Estas accións de mentoring realizaranse en sesións individualizadas.

En cada campaña elixiranse por votación técnica os cinco mellores escaparates, que pasarán á fase final do concurso. Outorgaranse premios de 1.000 € a cada un dos finalistas, e de 500 € ás asociacións ás que pertenzan. No caso de que o premio recaia sobre comercios pertencentes á mesma asociación, esta recibirá só un premio de 500 euros.

Na pasada edición do concurso de escaparatismo participaron 68 establecementos e os gañadores foron a tenda de artesanía VM Artesanía, Alex e Luca, con alimentación delicatessen e Kosmet que ofrece un servizo de asesoría de imaxe.

10 de abril de 2013 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.