A Coruña conmemora o Día Internacional da Danza con catro espectáculos e dous talleres
O concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, que dirixe Ana Fernández, deseñou un comlpeto programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Danza que comeza esta mesma tarde e finaliza o próximo luns, 29 de abril. A proposta pretende conectar cos diferentes tipos de público e, por este motivo, inclúense espectáculos do máis variado, dende baile tradicional a contemporáneo. A Ágora será o espazo encargado de acoller dous talleres formativos:
– Venres 26 de abril. De 16.00 a 20.00 euros desenvólvese o Obradoiro de Cinema sen cámara, onde os participantes poderán realizar prácticas de intervención sobre celuloide, montaxe tradicional e proxección de cine en 16 milímetros.
– Sábado 27 de abril. De 16.00 a 20.00 horas celébrase Obradoiro de Tecnoperformance, onde os asistentes construirán unha peza performativa a través do uso de tres instrumentos: o corpo, a luz e o vídeo.
En canto aos espectáculos, a proposta do departamento de Cultura é a seguinte:
– Sábado 27 de abril. O Teatro Rosalía Castro acolle, a partir das 20.30 horas, o espectáculo ARA, da compañía OtraDanza, a segunda parte dunha triloxía iniciada coa peza BACK e que trasladará ao espectador a un mundo de emocións.
– Domingo 28 de abril. Realízanse dúas propostas:
Ás 18.30 horas, o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina ofrece un espectáculo en Teatro Rosalía Castro.
Ás 20.00 horas, a Ágora acolle Fume de Sombras Cinema Danza, unha proposta que xunta cine expandido, vídeo-danza e performance.
– Luns 29 de abril. Traspediante presenta Baila un vestido verde, unha obra definida como un espectáculo de danza interactiva, no que conviven corpo, danza e xesto. Será ás 19.00 horas no Fórum Metropolitano.
Tanto o espectáculo do Teatro Rosalía Castro do domingo coma o do Fórum son gratuítos ata completar aforamento e o resto de actividades teñen un prezo moi alcanzable, con entradas entre os 5 e os 15 euros que están á venda a través das canles habituais.











