A Coruña celebra o Día Internacional de Monumentos cunha xornada de portas abertas á Torre de Hércules

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

‘Patrimonio e a Educación’ é o tema elixida este ano a Unesco para conmemorar o Día Internacional dos Monumentos e Sitios da Unesco, que se celebra este xoves 18 de abril. Con este motivo, o Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo que preside Luisa Cid, decidiu celebralo cunha xornada de portas abertas e con visitas guiadas tematizadas á Torre de Hércules. Desta forma, o Concello quere facer partícipes a todos os coruñeses desta festa, afondando no valor excepcional da Torre de Hércules como Patrimonio Mundial da Humanidade. Tal e como explicou Cid, “o obxectivo non é só fortalecer a imaxe da Torre como elemento representativo da nosa cidade, senón ofrecer aos cidadáns a posibilidade de coñecer máis e mellor o monumento que situou á Coruña no mapa universal do Patrimonio”.

Luisa Cid recordou que, con iniciativas deste tipo, o Consorcio de Turismo recolle as propostas do Plan de Mercadotecnia da Torre de Hércules no que se estipula poñer en valor o monumento tanto entre os coruñeses coma entre os visitantes, facendo fincapé no seu carácter de Patrimonio da Humanidade. Ademais, este plan recomenda tamén a conveniencia de organizar actividades especiais en datas puntuais. A responsable de Turismo fixo fincapé na necesidade de fomentar a participación cidadá en eventos que estean relacionados co faro co obxectivo de que a cidadanía asuma como propio o título que no ano 2009 a Unesco lle outorgou á Torre.

As visitas guiadas

A xornada do día 18 ofrecerá visitas guiadas tematizadas, nas que se explicará o cambio que experimentou o concepto de patrimonio ao longo da historia ata chegar ao noso modo de entendelo hoxe. Nestas visitas, poñerase en valor a Escola de Fareiros da Torre, a primeira escola de formación de España, que se estableceu na Torre de Hércules o 18 de outubro de 1849.

En canto ás quendas de visitas, haberá catro pola mañá e catro pola tarde, de 15 grupos cada un que deberá apuntarse persoalmente ou por teléfono en oficina de turismo da Torre. As visitas da mañá serán ás 11.00 e ás 12.30 horas mentres que pola tarde serán ás 17.00 e ás 18.30 horas.

A atención, o máis valorado

Luisa Cid recordou os excelentes datos rexistrados na Torre de Hércules durante a Semana Santa, por onde pasaron un total 4.483 persoas, o que supón unha media diaria de 498 visitantes. A responsable de Turismo aludiu tamén a proba piloto que se realizou durante eses días sobre o grao de satisfacción dos visitantes que acoden á Torre, co fin de coñecer como foi a súa experiencia entorno ao monumento e cales son as súas expectativas. A enquisa poñerase en marcha en verán.

Grazas a estes datos puido saberse que os visitantes da Torre de Hércules están satisfeitos coa súa visita, puntuando a experiencia, nunha escala de 1 ao 5, cun 4,5. O máis valorado desta enquisa foi a atención recibida, cun 4,7. A enquisa aleatoria que se levou a cabo durante os días de Semana Santa aplicouse sobre unha poboación de entre 18 e 65 anos, na que predominou o grupo dos 30 a 45. “Os resultados desta enquisa de satisfacción forma parte dun proceso que busca a excelencia e a calidade iniciamos hai un ano -indicou Cid- coa contratación dun grupo de profesionais que, xunto ao Consorcio de Turismo, fan posible que a Torre sexa a auténtica embaixadora da Coruña. Dende o 20 de xuño de 2012, a Torre de Hércules está atendida por once informadores turísticos, entre os que se encontran licenciados en Historia da Arte, máster en xestión e planificación turística, diplomados en empresas e actividades turísticas e técnicos de turismo, co principal obxectivo de que “a Torre sexa atendida, coidada e mimada tal e como se merece un monumento destas características”, apuntou Luisa Cid.

Membro de Icomos

O Tenente de Alcalde tamén anunciou a adhesión do Concello da Coruña ao ICOMOS, Consello Internacional de Monumentos e Sitios Históricos. Luisa Cid, como concelleira responsable da xestión de La Torre de Hércules foi a representante municipal elixida para formar parte do Comité Nacional do organismo. “Entendemos que ao contar cun monumento Patrimonio da Humanidade tiñamos que ter representación nun organismo destas características”, finalizou Luisa Cid.

15 de abril de 2013 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.