A Coruña celebra a Festa do Libro dende mañá ata o martes 23 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal
A-
A+

18042013-24O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que, en colaboración coa Agrupación de Libreiros da cidade, organiza a Festa do Libro que se desenvolverá entre o 19 e o 23 de abril nos Xardíns de Méndez Núñez.

Na tradicional cita cultural, que se celebrará en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.30 horas, se instalarán un total de 8 casetas de librarías coruñesas (Areas, Bibliotecas X2, Couceiro, A Libraría, Nos, Sete mares, Queixume e Tanxencias) e unha caseta das Bibliotecas Municipais, que estarán abertas para todas aquelas persoas que desexen achegarse.

Durante estes días, no propio recinto haberá todo tipo de actividades de animación relacionadas co mundo da lectura. Ademais da Festa do libro, a área de Cultura pretende levar esta celebración a outros puntos da cidade. Por este motivo, todas as bibliotecas municipais acollerán as exposicións.

A Coruña un escenario de novela; na biblioteca de Estudos Locais poderase visitar Libros para ver (sobre as coleccións do centro e o seu valor documental); e 22 Anos compartindo lecturas na biblioteca Infantil e Xuvenil, que organizará visitas guiadas o luns 22, martes 23 e mércores 24 ás 11.00 horas. Tamén haberá visitas guiadas á Biblioteca de Estudos Locais o luns 22, mércores 24 e xoves 25 ás 19.00 horas e o martes 23 e o venres 26 ás 12.30 horas. Por outra parte, como é habitual, as bibliotecas municipais estarán presentes o próximo martes 23 de abril de 12.00 a 18.00 horas nas estacións de autobús e tren, ademais de no aeroporto. A Ágora tamén se suma á efeméride cunha nova edición de poetas Di(n)versos o luns 22 ás 20.30 horas coa participación de Claudio Pozzani e Manuel Forcadela.

PROGRAMA

Sábado 20

18.00 horas. REGALANDO PALABRAS. Performance no recinto da Feira.
Lectura dramatizada de textos.

Domingo 21

12.00 horas Lectura, recitado. Textos e monólogos. Palabra e violoncelo man a man.
Público: adultos

Luns 22

18.00 horas REGALANDO PALABRAS. Performance no recinto da Feira. Lectura dramatizada de textos.

Martes 23, DÍA DO LIBRO

12-14 /17.30-21.30 Actividades en carpa: talleres, actuacións de maxia, cuentacuentos, etc.
Público: infantil
Organiza: Grupo Scout Hércules 283

18.00 horas Cuentacuentos Fábrica de contos. Público: infantil

19.00 -20.00 horas Cita ineludible no Obelisco:

Manifestación pública a favor da lectura.
Un ano máis, Todos a unha: lendo xuntos. Para que non falten os que pensan que a lectura é algo atractivo, necesario, divertido, que cura, que axuda, que… Para que non falten os que pensan que é un prezado tesouro que hai que conservar, potenciar, reivindicar…
Un ano máis na cidade o GRANDE CORO LECTOR!

De que vai a cousa?
1. Plantarse no Obelisco o 23 de abril ás 19 h.
2. Traer un libro, un cómic, un folleto, un prospecto, o que se queira.
3. Estar atento ao sinal de inicio.
4. Ler en voz alta durante cinco minutos.
5. Rematamos con outro sinal acústico.
Photocall
Escolle o teu lema a favor da lectura, posa con el e consegue unha divertida fotografía.

Globos con mensaxe
Soltaremos globos con mensaxe; elixe o teu e sóltao!

Bookcrossing
Solta de libros libres pola zona do Obelisco.

18 de abril de 2013 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.