A Coruña cede dous pisos ao Comité Anti Sida para atender ás persoas con menos recursos

Sinatura do convenio
O alcalde, Carlos Negreira, asinou coa directora do Comité Anti Sida da Coruña (CASCO), Sonia Valbuena, un convenio de colaboración que supón a cesión de dúas vivendas de titularidade municipal a esta entidade social e que se destinarán a pisos de acollida de persoas sen recursos e que padecen esta enfermidade.
O acordo permite ao Concello avanzar no seu obxectivo de axudar ás persoas que máis o necesitan e de mellorar a súa calidade de vida. Carlos Negreira destacou a grande implicación de CASCO e o espírito e a ilusión que pon en cada proxecto, pois durante os seus 23 anos de experiencia esta organización sen ánimo de lucro traballou sobre todo na prevención da sida, a investigación e estudos sobre a enfermidade e o impulso de campañas de sensibilización cidadá sobre as súas repercusións sociais.
Negreira destacou o labor de entidades como CASCO, que traballa co obxectivo de apoiar os enfermos, de realizar campañas de prevención e de concienciar o resto da cidadanía sobre a enfermidade. O alcalde agradeceu á entidade que impulse valores como a igualdade, solidariedade e dignidade das persoas.
Entre as principais actividades que desenvolve CASCO encóntrase facilitar ás persoas enfermas de sida e sen recursos a posibilidade de acceder aos pisos de acollida. Baixo esta premisa e co obxectivo do Goberno local de colaborar coas entidades sociais da cidade, o Concello atende as necesidades do Comité Anti Sida da Coruña e asina este convenio de cesión de dúas vivendas de titularidade municipal na cidade.
Negreira defendeu a posta en marcha deste tipo de iniciativas que favorecen unha cidade máis inclusiva e solidaria. O actual equipo de goberno non só elaborou un inventario dos bens municipais, senón que ademais reformou vivendas para facilitar o acceso de familias con escasos recursos a pisos en réxime de aluguer e asinou outros convenios de colaboración na mesma liña do que hoxe se rubrica con CASCO. É o caso da cesión dunha vivenda de titularidade municipal a Renacer para a acollida de persoas en riscos de exclusión social.
A cesión dos dous pisos a CASCO será ata final de ano, aínda que o convenio promove unha colaboración duradeira entre o Concello e o Comité Anti Sida, posto que se pode prorrogar ata 2017. O acordo forma parte dunha filosofía do Goberno local cuxa teoría básica é a da colaboración. Así, no presuposto municipal deste ano, a Concellaría de Servizos Sociais dispón de 9.000 euros máis para contribuír ao financiamento dos gastos derivados do programa de aloxamento alternativo de CASCO.











