A Coruña aproba unha ordenanza de verteduras pioneira que se ergue como referente ambiental
O Goberno local aprobou no pleno desta mañá a ordenanza de verteduras que garantirá o correcto funcionamento da estación depuradora de augas residuais de Bens, un regulamento que o concelleiro de Medio, Enrique Salvador, definiu como “inédito, modélico e pioneiro”, con “clara vocación metropolitana”, e que contribuirá a converter a bisbarra nun “referente ambiental”.
Na sesión plenaria de hoxe, a Corporación municipal tamén apoiou unha moción consensuada coa plataforma de afectados polas preferentes para a devolución íntegra do seu diñeiro. Ademais, deuse o visto e prace definitivo ao estudo de detalle do Parque Ofimático, o que permitirá conceder as primeiras licenzas aos cooperativistas.
MEDIO
“Esta cidade asume o reto de lograr o ciclo integral da auga. Neste reto queremos ir da man cos nosos concellos limítrofes (Culleredo, Oleiros, Cambre e Arteixo) que tamén comparten esta firme convicción”, afirmou o concelleiro de Medio, Enrique Salvador, durante a súa intervención previa á aprobación inicial da ordenanza común de verteduras, que ten “clara vocación supramunicipal”.
Salvador destacou que se trata dunha ordenanza “inédita, modélica e pioneira” que garantirá o correcto funcionamento da rede municipal de saneamento e da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Bens e converte á bisbarra nun “referente ambiental”. No texto, no que participaron técnicos dos departamentos de Medio, Urbanismo e Infraestruturas, a empresa municipal de augas (Emalcsa), a Universidade e as principais industrias da cidade, responde ás peculiaridades da Coruña e ao traballo realizado para a entrada en funcionamento da nova depuradora, que contará coa tarifa máis barata de Galicia: un 26% máis baixa que a media do resto de concellos da comunidade autónoma.
O concelleiro de Medio explicou que na ordenanza se recolle a obrigatoriedade da conexión á rede municipal para todos os usuarios que realicen vertidos a menos de 100 metros desta; clasifícanse os distintos tipos de usuarios en función da súa actividade e das augas residuais que xeren; e establécense os valores máximos tanto diario coma instantáneo das verteduras. A ordenanza inclúe ademais un anexo que regula as características técnicas da acometida para a conexión dun usuario á rede de saneamento, baixo a concesión previa de licenza. Salvador tamén aclarou que a sociedade participada polos cinco concellos (EDAR BENS) se encargará de articular o servizo de inspección e control das verteduras ás redes municipais.
A ordenanza de verteduras súmase a outras iniciativas impulsadas polo Goberno local en materia ambiental para lograr o ciclo integral da auga. Así, o Concello está a executar obras transcendentais nos bombeos e na rede municipal; por primeira vez púxose en marcha un plan de saneamento que sirva de folla de ruta para o seu correcto funcionamento; e garantiuse o abastecemento de auga para os próximos 100 anos grazas ao lago de Meirama, ademais de converterse en titular da presa de Cecebre.
PREFERENTES
A Corporación local aprobou unha moción consensuada coa plataforma de afectados das preferentes na Coruña. O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, agradeceu a colaboración institucional de todos os grupos para traballar unidos neste asunto, ao tempo que animou as familias a que acudan ao sistema de arbitraxe ou directamente aos tribunais para recuperar o seu diñeiro.
A moción mostra o máximo apoio dos grupos municipais aos afectados polas preferentes pois no texto se recollen as súas reivindicacións: devolución íntegra do diñeiro, así como dos intereses que deixaron de percibir; que non se apliquen quitas e tampouco as novas taxas xudiciais para as posibles demandas que presenten; e que se aumente o ritmo das arbitraxes. Este acordo trasladarase a todas as administracións e institucións implicadas tanto a nivel comarcal como autonómico, estatal e europeo.
Miguel Lorenzo recordou que a voceira socialista, Mar Barcón, e o concelleiro Salvador Fernández Moreda aínda non cumpriron a moción aprobada en pleno no mes de febreiro e na que se lles instou a dimitir de todos os seus cargos públicos pola súa responsabilidade directa na toma de decisións que se adoptaron durante as súas etapas como conselleira entre 2004 e 2011 -no caso de Barcón- e de conselleiro e vicepresidente de Caixa Galicia entre 2006 e 2012 -no caso de Fernández Moreda-, e se lles reclamou a devolución da totalidade das axudas cobradas como conselleiros.
OFIMÁTICO
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, informou no pleno do estudo de detalle do Parque Ofimático antes da súa aprobación definitiva. O concelleiro destacou que este acordo, coa única abstención do BNG, permite “continuar sen non ter que paralas as obras e conceder as primeiras licenzas aos cooperativistas”.
Fernández Prado explicou que o estudo de detalle -que inclúe os informes sectoriais positivos do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), de Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, e da Dirección Xeral de Aviación Civil- se refire ao reaxuste das rasantes dos viarios públicos, polo que calquera outra actuación se cinguirá ao disposto no plan parcial.
“A aprobación do estudo de detalle é un paso máis no compromiso adquirido polo novo equipo de goberno para avanzar nos traballos do futuro polígono residencial”, avanzou o tenente de alcalde, quen destacou o traballo realizado para “garantir a máxima seguridade xurídica” e manter un “contacto permanente” con todas as partes implicadas. Neste sentido, lamentou que o bipartito deixase todos os trámites sen resolver no proxecto do Ofimático -como inscribir os terreos no Rexistro da Propiedade, xirar e cobrar as primeiras cotas, negociar cos realoxar ou atender á ducia de recursos contra o plan parcial- e si asinase o contrato de urbanización 24 horas antes das últimas eleccións municipais.
POLÍGONO DE NÁUTICA
Fernández Prado tamén informou ao pleno de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revogou a sentenza inicial da sala do Contencioso-administrativo número 3 que condenaba ao Concello a pagar unha indemnización de 2,3 millóns de euros por unha irregularidade urbanística cometida durante a etapa de goberno socialista.
O tenente de alcalde explicou que o Tribunal Superior anula o ditame xudicial porque aprecia prescrición, non porque o goberno socialista o fixese ben. Destacou que, a raíz desta sentenza, o Contencioso fallou a favor do Concello noutras dúas demandas das 13 presentadas, polo que se todas son favorables o Goberno municipal aforrará aos coruñeses máis de 34 millóns de euros en indemnizacións neste polígono.
LIQUIDACIÓN PRESUPOSTARIA E TELEFONÍA MÓBIL
Na sesión ordinaria desta mañá, a Corporación coruñesa tomou coñecemento da aprobación das liquidacións do presuposto do Concello e do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) do exercicio 2012, así como do informe de estabilidade presupostaria.
O equipo de goberno de Carlos Negreira logrou executar o 80% do presuposto, é dicir, cinco puntos máis que en 2011 e sete máis que en 2008 -primeiro ano natural do goberno bipartito- e presentou unhas cifras que avalan a solvencia e o equilibrio financeiro das contas locais.
O tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, destacou que a execución real do seu departamento durante o ano pasado alcanzou o 91% en Emprego, o 91,4% en Empresa e o 83% en Comercio e Mercados. En total, foi do 88%, é dicir, 4,4 millóns dos 5 presupostados. “O bipartito deixou sen gastar máis de 6 millóns de euros en execución directa de emprego e comercio nos seus catro anos”, afirmou Cid, quen contrapuxo este dato cos 37,15 millóns de euros en investimento dos presupostos municipais de 2013 para a creación de emprego.
A Corporación tamén facultou os letrados municipais para solicitar o arquivo das actuacións xudiciais nos recursos promovidos contra a ordenanza fiscal que regula a utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local por empresas explotadoras dos servizos de telefonía móbil.
SERVIZOS SOCIAIS
O concelleiro Miguel Lorenzo defendeu o investimento do seu departamento para mellorar o benestar dos coruñeses e a conciliación da vida familiar e laboral. Neste sentido, recordou que o programa de bolsas comedor conta para o curso
2013-2014 cun presuposto de 475.000 euros e que se eliminou a lista de espera da etapa anterior.
Os programas para axudar ás persoas dependentes e para as políticas de conciliación increméntanse nun 11,4% respecto a 2012 e nun 25% fronte a 2011. Así, en 2012 e 2013, o aumento do investimento para os programas de emerxencia social foi do 164%; nos comedores escolares, do 76,6%; e no talón restaurante, do 60%.











