A Coruña adxudica as obras para a mellora da área de xogos de Padre Rubinos, nos Mallos
O Concello adxudica a Xogos Kompan o proxecto de reparación e acondicionamento da área de xogos infantís de Padre Rubinos, un parque de 700 metros cadrados situado no barrio de
Vos Mallos.
As obras, que se adxudican por un presuposto de 133.266 euros e un prazo de execución de mes e medio, consistirán, basicamente, na reposición dos pavimentos; a retirada, restauración e recolocación da fonte; reposición do mobiliario urbano; reparación das beirarrúas; e reparación e acondicionamento dos elementos existentes con recolocación de tres xogos en novas localizacións. O pavimento será de caucho de seguridade nas zonas de xogo e de formigón no resto da área. En concreto, realizaranse as seguintes actuacións:
– Con respecto á accesibilidade, o proxecto inclúe un aparcabicis, para que os que o desexen poidan acceder ao parque a través deste medio e depositar as súas bicicletas con seguridade mentres gozan dos xogos.
– A proposta inclúe o uso de mobiliario urbano reciclado, como bancos e papeleiras, nunha clara aposta pola sostibilidade.
– Búscanse xogos con maior funcionalidade, polivalentes e que permitan un maior número de usuarios. Pasa de 29 usuarios a 45.
– Terase en conta a importancia do adestramento motora para os usuarios de maior e menor idade, polo que ademais dos xogos infantís se instalarán tres elementos de adestramento biosaludable. Neste sentido pensouse en que Padre Rubinos sexa un espazo común de convivencia para avós e netos, un lugar de aprendizaxe e xogo.
– Foméntase a integración a través de xogos adaptados, como a instalación dun bambán adaptado, e abrindo o ámbito de idade.
O obxectivo é dotar á zona dun espazo que englobe a diversión coa sostibilidade, a accesibilidade, a mellora da motricidade, o ensino, a integración e a convivencia entre usuarios de todas as idades.
A modernización dos espazos públicos é unha das prioridades do Goberno municipal para o desfrute dos cidadáns pero tamén co obxectivo de xerar actividade económica e emprego. Nesta liña é irrenunciable para a Concellaría de Medio garantir a seguridade dos usuarios e que tanto as áreas infantís coma as biosaludables se encontren en perfecto estado de uso e cumprindo a normativa vixente.











