A Coruña adhírese á Rede Civinet España e Portugal que aglutina entidades interesadas na mobilidade sostible
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, informou esta mañá de que o Goberno municipal levará a pleno a adhesión á Asociación Rede Civinet España e Portugal, unha entidade que aglutina a entidades públicas e privadas preocupadas e interesadas pola mobilidade sostible. “É obvio que entre esas cidades ten que estar A Coruña, que ten en marcha o PMUS, o primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible da historia da cidade e que puxo en marcha este Goberno municipal. Un proxecto estratéxico que está en pleno proceso de elaboración e que ten en conta a todas as partes implicadas: administracións públicas, ámbito metropolitano, veciños, empresas, representantes dos distintos sectores da cidade e todos aqueles que queiran participar neste proxecto”, explicou Freire.
Así, a concelleira, que recordou que o PMUS nacerá en oito meses, detallou algúns dos obxectivos da Asociación Civinet España e Portugal entre os que destacan:
– O intercambio de experiencias e de mellores prácticas en estratexias, políticas, plans e medidas de mobilidade sostible, e outros temas de interese para a Rede, como o medio, a planificación urbana, aforro e implementación de tecnoloxías orientadas á eficiencia enerxética, ou calquera outra cuestión enfocada á sostibilidade do medio urbano e a súa utilización.
– Achegar ás entidades, como socios, os proxectos europeos e servir de informador das iniciativas.
– Promover os proxectos europeos entre as entidades ou na mesma asociación.
– Realizar traballos a favor da mobilidade sostible.
En definitiva, trátase dunha rede para intercambiar experiencias no ámbito da mobilidade sostible e impulsar proxectos e programas vinculados a iso para mellorar o nivel de comunicación e compromiso de todos os participantes e redundar así na aplicación de medidas de sostibilidade máis axeitadas e eficientes.
“O noso PMUS e a posta en marcha da Oficina Tecnolóxica e Operativa de Mobilidade axudaranos a marcar unha estratexia de mobilidade acorde cos requirimentos normativos, as demandas cidadás e institucionais e a realidade económica e social. Se trata dun marco estratéxico con retos e obxectivos, que permita aliñar a nosa cidade ás iniciativas sostibles e cun retorno claro que achegue maior calidade de vida aos cidadáns, e que logre unha sostibilidade económica, social e ambiental,” explicou a concelleira.
“Neste sentido -continuou-, os obxectivos da asociación encaixan á perfección no desenvolvemento destes proxectos municipais no campo da mobilidade que se verán altamente mellorados grazas ao continuo contacto e posta en común de experiencias nacionais e internacionais que se van desenvolver dende a mesma preocupación e compromiso”.
Tras a súa aprobación no pleno da Corporación Municipal, durante o próximo mes de maio realizarase a adhesión oficial no IV Forum CiViNeT España e Portugal que se celebrará o 24 de maio en Santander. Durante a súa celebración aprobaranse, entre outras cousas, os Estatutos da nova Asociación, que se integra dentro dun proxecto europeo subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade da Comisión Europea desenvolvido dende decembro de 2009.
Entre as actividades que levará a cabo destacan a realización de comunicacións e información sobre actividades en canto a mobilidade sostible a nivel nacional, europeo e internacional; a organización de eventos relacionados coa mobilidade sostible e o intercambio de experiencias neste ámbito así como información de novas tecnoloxías ou de presentación de estratexias; información e no seu caso realización de proxectos europeos enfocados a mellorar a mobilidade sostible urbana; axuda para a preparación e realización de proxectos europeos para conseguir os fins da asociación; realización de proxectos e traballos relacionados principalmente coa mobilidade sostible; e a promoción de acordos que mostra a política da Rede.











