A corporación de Tomiño suspende o pleno en solidariedade cos afectados polas preferentes
A Corporación Municipal de Tomiño acordou suspender a celebración do vindeiro pleno ordinario, previsto para este mes, coma medida de apoio aos afectados polas preferentes.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convocou á xunta de portavoces que se reuniu onte pola mañá no Concello, e adoptou por unanimidade a decisión de suspender a reunión plenaria en solidariedade cos afectados.
“Agardamos que isto sirva para lembrar aos responsables políticos que a solución pasa pola devolución íntegra dos fondos”, declarou a alcaldesa trala reunión cos portavoces dos diferentes partidos políticos.
Con esta decisión, o goberno local e resto da corporación, quere reiterar unha vez máis, o seu apoio decidido aos afectados polas preferentes, entre os que se atopan varios veciños e veciñas de Tomiño.











