A Concellería de Seguridade apoia as medidas de mellora do servizo da Policía Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O concelleiro de Servizos e Seguridade do Concello de Ferrol, Pablo Cal Martínez, saíu hoxe en apoio da Xefatura da Policía Local ante as críticas vertidas sobre a xestión deste responsable por parte dun grupo de gardas. Ao respecto, o edil ferrolán destacou que “a maioría dos axentes son conscientes da necesidade de acometer cambios para prestar un mellor servizo á cidadanía e desenvolven a súa labor cun alto nivel de profesionalidade, pero hai unha minoría que opta por tentar desacreditar para que nada cambie”.

Nesta liña, Cal Martínez explica que desde principios de ano estanse implementando progresivamente novas rutinas de traballo, que poden ser a causa de molestias e reticencias nun sector da plantilla. Así, instauráronse sistemas de medición mediante uns partes estatísticos de control da actuación diaria de cada patrulla; creouse a figura dos coordinadores (inspector e oficial) con funcións de supervisión de distintas quendas e como garante de continuidade entre a planificación dos eventos importantes e a súa  execución –antes executaba o servizo un mando que non participara previamente no deseño do operativo, co que as posibilidades de descoordinación interna e externa con outros servizos eran maiores-; e tamén se están desenvolvendo protocolos internos para unificar criterios de actuación. “O obxectivo destes cambios é ofrecer un mellor servizo público de calidade”, apuntou o titular de Servizos e Seguridade.

Outra das novas medidas adoptadas pola Xefatura da Policía Local co respaldo do Concello de Ferrol é que as patrullas destinadas a seguridade cidadá sexan máis polivalentes de tal maneira que podan atender, se é necesario, temas de tráfico. A necesidade desta polivalencia ponse de manifesto no feito de que o 40% das chamadas recibidas no 092 son requerimentos para intervir en asuntos de tráfico frente o 15% de chamadas demandando actuacións de seguridade cidadá. “As patrullas terán que redimensionarse, pois, en función destas porcenaxes, que evidencian que os temas de tráfico –como por exemplo, a presenza de vehículos mal estacionados sobre as beirarrúas-  son os que máis preocupan ao cidadán e demandan da Policía Local, polo que é onde temos que poñer máis medios”, explicou Cal Martínez.  Asi mesmo, e coa finalidade de recuperar a esencia dunha Policía Local próxima aos veciños/as, adoptouse a  decisión de destinar dúas patrullas de seguridade cidadá a patrullar a pé rotando por distintos barrios da cidade.

Quendas de  traballo

O responsable de Servizos e Seguridade detalla que se ten proposto a instauración dunhas quendas de traballo máis operativas que as vixentes actualmente, pero até a data non se chegou a un acordo na Mesa de Negociación. “Tempos atrás quedaba unha única patrulla de servizo de noite e sen mando; e dende a Xefatura da Policía Local téñense que articular medidas para minimizar este feito”, apuntou Cal Martínez. Neste sentido, o edil explicou que non é posible aceptar planteamentos como o de establecer unha quenda base xa que, por exemplo, un luns de mañá poderían traballar 30 policías e a mañá do vernes 15, o que provocaría a necesidade de horas extraordinarias incluso para cubrir servizos ordinarios.

Ademais, Cal Martínez quixo manifestar o seu apoio ao traballo que está a desenvolver o Xefe da Policía Local encamiñado a aumentar e mellorar os servizos que se prestan dende este Corpo de Seguridade Local, co obxectivo de “velar pola seguridade e os dereitos dos cidadáns de Ferrol dunha maneira eficaz e eficiente”. E, ao fío disto, o edil de Servizos e Seguridade destacou que o xefe da Policía Local “cumpre coa xornada que se lle esixe, con flexibilidade para adaptarse ás necesidades que conleva a función que desenvolve”.

18 de abril de 2013 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.