A Concellaría de Educación de Cambre convoca os Campamentos Urbanos de Verán
A Concellaría de Educación abre a inscrición (Do 29 de abril ao 11 de maio) dos Campamentos Urbanos de Verán que terá lugar durante as catro quincenas do período estival (1ª Quincena: do 1 de xullo ao 15 de xullo de 2012, a 2ª Quincena: do 16 de xullo ao 31 de xullo de 2012, a 3ª Quincena: do 1 de agosto ao 14 de agosto de 2012 e a 4ª Quincena: do 19 de agosto ao 31 de agosto de 2012).
Trátase dunha actividade que pretende axudar á conciliación da vida familiar e laboral co obxectivo de que os pequenos poidan seguir coa súa formación en época estival e os pais poidan acudir ao seu centro laboral coa garantía de que os seus fillos están atendidos coa máxima profesionalidade.
Os campamentos están dirixidos aos alumnos de 2º ciclo de E. Infantil, toda E. Primaria e 1º da ESO (100 prazas, por quincena), e ademais, tamén están dirixidos ao alumnado do taller lúdico-cultural para nenos de Servizos Sociais do Concello de Cambre (8 prazas, por quincena).
Terán lugar nun CEIP do municipio por confirmar. Terán preferencia os veciños empadroados en Cambre e as prazas baleiras poderán ocupalas os veciños doutros concellos. En canto ao alumnado do Obradoiro lúdico-cultural para nenos, necesita informe técnico favorable dos Servizos Sociais do Concello de Cambre, para participar no Campamento de Verán e obter a redución do 100% sobre o prezo estipulado. Xa se poden consultar as bases na páxina web do concello e nas redes sociais do Concello.
Por outro lado, nesta ocasión destacan as novas actividades dos Campamentos Urbanos nos que se desenvolverán actividades deportivas e culturais, así como talleres lúdicos en inglés.
Se houbese máis solicitudes que prazas de persoas empadroadas en Cambre, haberá un sorteo o día 14 de maio nas oficinas municipais de Educación ás 12 horas.
Un mesmo participante poderá solicitar como mínimo unha quincena e como máximo tres (se fose necesario, valorarase a autorización da participación dun mesmo escolar nas catro quincenas).











