A Concellaría de Cultura organiza un obradoiro de lectura e escritura dirixido a adultos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal
A-
A+

“Eu leo, ti escribes, el conta” é o nome do obradoiro que organiza a Concellaría de Cultura para adultos que desexen lembrar e traballar en actividades de lectura e escritura. Esta iniciativa desenvolverase na biblioteca municipal durante un par de horas á semana e para participar hai que inscribirse nesta dependencia municipal ubicada na Alianza Aresana ou chamando ao teléfono 981 448 057.

Segundo informan dende a área que dirixe o concelleiro socialista Eugenio Fernández Lago, unha vez que se constitúa un grupo de cinco ou seis persoas a actividade porase en marcha.

Por outra banda, hai que lembrar a celebración o día 20 dun mercadillo de libros infantís e xoguetes que se desenvolverá na Alianza Aresana entre as dez da mañá e as dúas da tarde. Esta iniciativa ten como obxectivo o de vender ou trocar os libros e xoguetes que xa non se usan, pero se atopan en bo estado para poder ser empregados por outros.

Cada neno –a actividade vai dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos- poderá instalar un pequeno posto no que presentar a súa mercadoría, que terá que ser solicitado na biblioteca municipal (na Alianza) ou no teléfono 981 448 057 ata o 17 deste mes. Como todas as actividades da biblioteca, estas dúas tamén serán de balde.

15 de abril de 2013 | 11:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.