A Concellaría de Cultura organiza un mercadillo de libros infantís e xoguetes o 20 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresCalendarioLocal
A-
A+

Co gallo da celebración do Día de Libro (23 de abril), o Concello de Ares, a través da área de Cultura, organiza un mercadillo de libros infantís e xoguetes, unha iniciativa que se desenvolverá o día 20 deste mes na Alianza Aresana entre as dez da mañá e as dúas da tarde. Como informou o edil desta concellaría, o socialista Eugenio Fernández Lago, esta iniciativa ten como obxectivo o de vender ou trocar os libros e xoguetes que xa non se usan, pero se atopan en bo estado para poder ser empregados por outros.

Cada neno –a actividade vai dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos- poderá instalar un pequeno posto no que presentar a súa mercadoría, que terá que ser solicitado na biblioteca municipal (na Alianza) ou no teléfono 981 448 057 dende xa mesmo ata o 17 deste mes. Como todas as actividades da biblioteca, esta tamén é de balde.

Para este mes, neste caso xa o día 10, está previsto un obradoiro que, baixo o título “Buscando pistas nos contos”, desenvolverase na Alianza a partires das cinco da tarde. Esta iniciativa, para que hai que inscribirse previamente, diríxese a rapaces e rapazas de 3 a 10 anos, así como ás súas familias.

CAMPAMENTOS DE VERÁN DA XUNTA 

Por outra  banda, a OMIX de Ares (Oficina Municipal de Información Xuvenil) informa de que xa está aberto o prazo para tramitar as solicitudes de prazas para participar no programa de campamentos que organiza a Xunta de Galicia para o verán deste ano 2013.

Nomedamente, trátase de dous tipos de actividades, unhas dirixidas a nenos e nenas de 9 a 17 anos e outras para mozos e mozas de 18 a 35. Ademais, hai descontos para as familias numerosas e con carné xoven.

As persoas que desexen solicitar praza nalgún destes campamentos poderá facelo na OMIX de Ares, que se ubica no edificio da Alianza Aresana. Tamén ofrécese información ao respecto no número de teléfono 981 448 057.

5 de abril de 2013 | 09:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.