A Coruña conmemora o Día Internacional da Danza con 4 espectáculos e 2 talleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal
A-
A+

19042013-30A concelleira de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá o programa de actividades que a área que dirixe deseñou para conmemorar o Día Internacional da Danza, unha efeméride que se celebra cada 29 de abril dende 1982 co fin de dar unha maior difusión á arte da danza e dar resposta a un público fiel que demanda novas propostas creativas. Segundo informou a concelleira, realizaranse un total de catro espectáculos e dous talleres en diversos puntos da cidade entre o 26 e o 29 de abril.

A proposta pretende conectar cos diferentes tipos de público e, por este motivo, inclúense espectáculos do máis variado, dende baile tradicional a contemporáneo. A Ágora será o espazo encargado de acoller dous talleres formativos:

–  Venres 26 de abril. De 16.00 a 20.00 euros desenvólvese o Obradoiro de Cinema sen cámara, onde os participantes poderán realizar prácticas de intervención sobre celuloide, montaxe tradicional e proxección de cine en 16 milímetros.

–  Sábado 27 de abril. De 16.00 a 20.00 horas celébrase Obradoiro de Tecnoperformance, onde os asistentes construirán unha peza performativa a través do uso de tres instrumentos: o corpo, a luz e o vídeo.

En canto aos espectáculos, a proposta do departamento de Cultura é a seguinte:

–  Sábado 27 de abril. O Teatro Rosalía Castro acolle, a partir das 20.30 horas, o espectáculo ARA, da compañía OtraDanza, a segunda parte dunha triloxía iniciada coa peza BACK e que trasladará ao espectador a un mundo de emocións.

–  Domingo 28 de abril. Realízanse dúas propostas:
ou Ás 18.30 horas, o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina ofrece un espectáculo na praza de María Pita (se chove trasladarase ao Teatro Rosalía Castro).
ou Ás 20.00 horas, a Ágora acolle Fume de Sombras Cinema Danza, unha proposta que xunta cine expandido, vídeo-danza e performance.

–  Luns 29 de abril. Traspediante presenta Baila un vestido verde, unha obra definida como un espectáculo de danza interactiva, no que conviven corpo, danza e xesto. Será ás 19.00 horas no Fórum Metropolitano.

“Esta celebración súmase ao esforzo que se está a facer dende o IMCE para completar un proceso de visibilización e normalización da danza”, asegurou e engadiu: “Estes actos únense á programación estable de espectáculos de danza e artes do movemento da que se nutren os recintos que xestionamos, tanto o Teatro Rosalía Castro coma o Fórum Metropolitano e a Ágora,”.

A concelleira de Cultura invitou a todos os coruñeses amantes da danza a achegarse aos diversos espectáculos programados a semana que vén e animou o público xeral a iniciarse no apaixonante mundo do baile. Recordou que tanto os espectáculos en María Pita como no Fórum son gratuítos ata completar aforamento e que o resto de actividades teñen un prezo moi alcanzable, con entradas entre os 5 e os 15 euros, xa que se trata de “introducir a danza, unha linguaxe común e universal, nos nosos hábitos de ocio”, finalizou.

19 de abril de 2013 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.