A compañía de teatro “Escoitade”, de Vigo, actúa o domingo no Centro Cívico de Caranza
A programación de abril do ciclo de teatro afeccionado “Domingos a Escena” comeza este domingo día 7 coa participación do Grupo de Teatro “Escoitade” que porá en escena a obra “A fatídica festa do ano da serpe” no Centro Cívico de Caranza. A función dará comezo ás 19:00 horas e será gratuíta.
Os integrantes do grupo, procedente de Vigo, subiran ao escenario baixo a dirección de Doro Piñeiro para representar “A fatídica festa do ano da serpe”. Unha obra que ten como protagonista a un comisario de policía de orixe italiano da rexión de Calabria. A función comeza coa celebración do novo ano da Serpe do Lume a mediados do século XIX. O balbordo da festa na que participan o dragón, máscaras, tracas, adobíos, enfeites e vestimentas da ocasión, oculta a desgraciada morte do ancián egrexio Cao Yang. A celebración remata co morto envelenado tendido no chan e a xente fuxindo escorrentada; e aquí entra en escena o cínico comisario Stefano Luigi Ferraro, encargado de resolver o crime e atopar o culpable ou culpables.
O Grupo de Teatro “Escoitade”, membro fundador da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), conta cun amplo número de obras montadas entre as que destaca “Longa vida a Mariño de Güimil”.











