A Comisión de Pleno dá o visto bo á reducción da tarifa do circuito hidrotermal do Pavillón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Comisión de Pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente na súa sesión desta mañá a modificación da tarifa do circuíto hidrotermal do Pavillón Municipal de Deportes. A proposta, previamente aprobada polo Consello Municipal de Deportes, consiste en reducir o prezo da tarifa, pasando de 5 euros na actualidade a 2 euros, coa finalidade de promocionar estas instalacións e favorecer o maior uso por parte de tódolos abonados do Pavillón e veciños da cidade en xeral.

A modificación de tarifas será presentada a aprobación inicial por parte do Pleno do Concello na súa sesión do vindeiro venres, día 3 de maio, e abrirase un prazo de exposición pública de 30 días no que os interesados poderán presentar reclamacións e suxestións. En caso de non presentarse, entenderase definitivamente aprobado o acordo.

Na mesma sesión, a Concellería de Urbanismo presentou ante a Comisión de Pleno os proxectos de ordenanza reguladora de actos de natureza urbanística e a modificación da ordenanza municipal sobre protección contra ruídos e vibracións do Concello de Ourense, aprobadas no día de onte pola Xunta de Goberno Local. Ábrese así un prazo de 10 días para que os grupos políticos podan presentar emendas, se o consideran oportuno, antes da súa aprobación, por parte do Pleno do Concello. Tamén se abriu prazo de presentación de emendas ao proxecto de regulamento do espazo para a mocidade que o Concello porá en marcha este ano na Avenida de Marín.

26 de abril de 2013 | 15:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.