A Comisión de coordinación social aposta polos particulares para bolsas de vivenda

Reunión da comisión
A Comisión de Coordinación Social do Concello de Carballo vén de manter a súa terceira xuntanza, unha reunión de hora e media de duración na que se recompilaron os pasos que se teñen dado ata o momento para conseguir a creación dunha bolsa de vivenda municipal con alugueres reducidos destinada a axudar a aquelas persoas en dificultades a causa de situacións de desafiuzamento. A resposta das entidades bancarias para poñer a disposición desta bolsa as vivendas baleiras do municipio que están no seu poder ten sido escasa ou máis ben nula, obténdose tan só unha morna resposta dunha das que operan no municipio. Por este motivo, a comisión acordou que o Concello se adhira ao convenio marco da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para poder formar parte dunha bolsa que conte coa colaboración dos concellos de todo o estado. Este Fondo de Vivendas funcionaría grazas aos gobernos locais que elaboran os informes sobre a situación dos solicitantes e informan sobre o Fondo aos cidadáns. Con esto conseguiríase ter a disposición da futura bolsa carballesa un total de tres vivendas de tres entidades financeiras distintas. Porén, a comisión non abandona a idea de crear unha Bolsa de Vivenda independente, unicamente xestionada polo Concello, esperando a colaboración e a solidariedade dos veciños e veciñas.
Así, o obxectivo é acadar a resposta dos particulares que contan con vivendas baleiras. As vantaxes para os propietarios serían múltiples e quedarían plasmadas nun convenio marco. O Concello comprometeríase a garantir que a vivenda sería devolta en perfecto estado, asumindo a administración local os arranxos dos posibles danos derivados do aluguer, incluíndo, por exemplo, labores de repintado. Así mesmo, os propietarios estarían exentos de pagar todos os impostos e taxas municipais relacionados co mantemento da vivenda, como o IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) ou a taxa do lixo. Outra das opcións que se estudaron é a de consultar a adhesión ao programa Aluga da Xunta, que ten como obxectivo favorecer o mercado de aluguer de vivendas en Galicia, promovendo a incorporación ao mesmo de vivendas desocupadas de titularidade privada. Porén, este programa contaría coa contrapartida de que moitos dos alugueres incluídos exceden con moito as cantidades que poderían considerarse como alugueres sociais para unha vila como Carballo, de aí a necesidade de seguir tentando que os particulares colaboren. Estiveron presentes na Comisión de Coordinación Social o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Benestar, Silvana Castro; representantes de todos os grupos políticos municipais ademais do BNG con José Antonio Viña, polo PSOE; Manuel Andrade, por TEGA; Miguel Ángel Ferreiro, polo PP; e representantes de Cruz Vermella, de Cáritas Parroquial e dos Servizos Sociais Municipais.











