A comedia “Al dente” e o musical infantil “El bolso amarillo” escenifícanse no Jofre
A compañía 9de9 Teatro creadora de “Cabaré de caricia e puntada”, premio Max 2010, presenta a comedia agridoce “Al dente” o vindeiro sábado, día 6 de abril no Teatro Jofre. Trátase dun espectáculo de humor intelixente que fará gozar aos seus espectadores sen saír da cociña comezará ás 20:30 horas
Así, “Al dente” é unha fábula urbana que trata das relacións humanas, céntrase nunha cea entre antigos compañeiros de universidade. A historia conta ca particularidade de que un deles converteuse nunha persoa famosa e isto vai causar estraños comportamentos nos demais. Neste reencontro produciranse unha serie de acontecementos que irán do tráxico ao incrible e do grotesco ao tenro en apenas unhas horas. A cociña, lugar para chismes, confesións, risas e críticas, é onde acoden todos os convidados para compartir as súas impresión,… é a vía de escape desta cea formal que espertará toda clase de sentimentos nos propios personaxe e no público.
Ademais, a compañía Aura Teatro presenta a comedia musical familiar “El bolso amarillo” o vindeiro domingo 7 de abril ás 18:00 horas no Jofre. Este espectáculo está inspirado na obra infantil homónima da autora brasileña Lygia Bojunga gañadora en 1982 do máis prestixioso galardón na literatura infantil, o “Hans Christian Andersen”. A obra, en ton de homor, aderézase con cancións de creación propia de diferentes estilos (blues, rock&roll, rap, pop) interpretadas en directo por monicreques e actores… Un número de claqué espectacular e divertido pon a guinda á función.
Venta de entradas
As entradas para ambos espectáculos poden ser adquiridas a través de internet, na páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (no apartado de Axenda Cultural); e no propio despacho do teatro municipal.











