A Casa da Cultura de Neda acollerá a presentación dun disco de “La Parranda La Nuestra”
O Salón de Actos da Casa da Cultura de Neda acollerá este mércores, 1 de maio, a presentación do primeiro disco da asociación musical-cultural La Parranda La Nuestra. O acto, con entrada libre, principiará ás 18,30 horas e, no transcurso do mesmo, a formación realizará unha actuación na que o público asistente poderá escoitar algúns dos temas incluídos no traballo discográfico. Non só iso, o Concello procederá ao sorteo de media ducia de tickets que darán acceso ao tren que unirá, o 5 de maio, o traxecto entre Betanzos e Ferrol. Un tren histórico no que tamén viaxará a ministra de Fomento, Ana Pastor, e co que se conmemora o centenario da liña ferroviaria.
La Parranda La Nuestra nace en xullo de 2012 coa clara vocación de difundir a música popular iberoamericana “de toda a vida”. Boleros, pasodobres, sons cubanos, guajiras, cuecas chilenas, zambas arxentinas… forman parte do seu repertorio habitual, predominando aqueles temas máis coñecidos para maior complicidade co público. Os sete membros da formación proceden de diversas tunas de España (Ferrol, Lugo, Xixón e La Laguna de Tenerife) con traxectorias musicais de máis de 20 anos, animando e deixando bo sabor de boca alí por onde pasan.
O disco que se presentará en Neda constitúe unha recopilación de temas grabados en directo no Club Naval de Oficiais “El Montón”, en outubro do 2012, e no Casino Ferrolano, no Entroido deste ano. Nel, pódense escoitar cancións moi coñecidas como “María La Portuguesa”, “La Flor de la Canela”, “Dos gardenias”, “Si tú me dices ven”… En total, 15 temas de música popular de toda Iberoamérica.











