A Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras duplica a inscrición de participantes
O Departamento de Deportes do Concello de Teo amósase moi satisfeito pola estupenda acollida que tivo este ano a Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras que se celebra este domingo 14 de abril en Teo. Os datos de persoas anotadas falan por si mesmos. Esta cita deportiva consolídase duplicando a inscrición do ano pasado con case 700 corredores.
Neste 2013 anotáronse 336 escolares nas diferentes categorías, mentreas que o ano pasado foron 178. Os adultos tamén aumentaron a inscrición considerablemente. No 2012 participaron 128 mentras que este ano anotáronse 334. Dende Deportes tamén comentan o aumento do número de mulleres, 138 este ano, unha cifra moi parella á dos homes cando tradicionalmente era bastante inferior.
Deste xeito agárdase este domingo unha gran competición. As carreiras comezarán ás 11:00 horas no CEIP da Ramallosa onde estará a meta. Sairán primeiro os “Pitufos”, de ata catro anos de idade, que correrán 200 metros. Seguiranlle os “Prebenxamíns” que farán un circuíto de 500 metros. Os benxamíns e alevíns completarán un percorrido de 2.000 metros.
Ó redor das 11:50 tomarán a saída os participantes júnior, promesa, sénior e veterano que farán un circuíto de 11.000 metros con saída e chegada na Ramallosa. Os infantís, cadetes e xuvenís terán que completar 3.500 metros. A entrega de premios está prevista para o mediodía.
Esta carreira organízase baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo. Dende a organización lembran que a recollida de dorsais debe facerse antes das 10:30 horas na Secretaría de competición, no pavillón Ezequiel Mosquera, ó carón do CEIP A Ramallosa.
Todos os escolares recibirán un pequeno agasallo como recordo da súa participación na carreira. Este ano ademais daráselle unha invitación a todos os corredores para ir un día á piscina municipal cuberta da Ramallosa que comeza a funcionar o próximo 22 de abril.
Dende o Concello agradécese a colaboración das firmas comerciais.











