A campaña “unha nota, un alimento” de Vilagarcía enche tres carros da compra en só catro días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A campaña en favor de Cáritas organizada polo Conservatorio Profesional de Música está tendo moi boa acollida xa que en tan só catro días xa se encheron tres carros de alimentos doados polos cidadáns nos supermercados que colaboran nesta iniciativa solidaria. Para continuar animando á xente a que contribúa a esta causa, alumnos e profesores do Conservatorio inician mañá os concertos na rúa para promocionar a campaña e invitar a facer doazóns.

A primeira dos miniconcertos da campaña “Unha nota, un alimento” terá lugar mañá xoves, a partir das 13:00 horas, no supermercado Froiz da Praza da Independencia, e correrá a cargo do dúo de saxofóns composto por Diego e Lucas. O venres a música trasladarase ao supermercado Familia, na Praza de España, onde tocará a violinista Elena Rodríguez a partir das 12:00 horas. E o grupo de clarinetes Chalumiaux, será quen amenice as compras dos clientes do SúperFroiz do centro comercial Arousa o sábado a partir das 13:15 horas.

As saídas dos profesores e alumnos do Conservatorio continuará a vindeira semana con actuacións nos outros dous supermercados que colaboran na campaña: Carrefour e Erosky.

Como xa se comentara, nos cinco establecementos instaláronse puntos de recollida de alimentos  identificados coa imaxe da campaña “Unha nota, un alimento” para que os clientes que o desexen depositen alí algún produto alimenticio, preferiblemente no perecedeiro, que o Conservatorio doará a Cáritas para abastecer o comedor social e para elaborar os paquetes que se entregan periodicamente ás familias máis necesitadas.

17 de abril de 2013 | 15:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.