A campaña “Os produtos da Praza na bolsa da casa” contribuíu ao aforro de 10.000 bolsas
Tras cinco meses de percorrido, a iniciativa levada a cabo polas Concellerías de Medio Ambiente, Limpeza e Voluntariado, a Praza de Abastos e a Asociación Amigos da Terra denominada “Os produtos da Praza na bolsa da casa”, chega ao seu fin, cun balance de 10.000 bolsas de plástico aforradas polos consumidores da Praza. As concelleiras de Limpeza e Medio Ambiente, Susana Bayo, e Voluntariado, Mónica Vázquez, visitaron esta mañá a actividade, que consistiu nunha campaña de información e sensibilización na que se repartiron flyers informativos, e se instalou unha caseta con voluntarios para informar aos clientes e comerciantes das consecuencias que ten para o medio ambiente o emprego das bolsas dun só uso.
A campaña, na que participaron 200 establecementos e uns 1.500 clientes, foi plantexada coma un premio ao esforzo de comerciantes e clientes para mellorar unha problemática, á vez que serviu como reclamo á cidadanía para fortalecer o pequeno comercio ourensán, próximo e de calidade. Incluíu sorteos de carriños da compra e regalos de bolsas ecolóxicas entre os clientes que mercaron produtos sen empregar bolsas de plásticos -por cada cinco compras, un cupón de sorteo-, e acumulaban selos polas compras efectuadas.
Ao longo destes 5 meses de campaña, con accións presenciais semanais na rúa de sensibilización e formación ambiental por parte de Amigos da Terra, foron repartidas máis de 2.000 bolsas reutilizables. Cada unha destas bolsas significou que unha persoa deixaba de usar 5 bolsas de plástico, o que supón un aforro de 10.000 bolsas de plástico na Praza de Abastos de Ourense en tan só 5 meses. Así mesmo, mensualmente e como premio á participación da clientela da praza, sorteáronse carros da compra entre todos os participantes dese mes, repartindo un total de 150.
234 bolsas por galego ao ano
Os cálculos existentes falan de que pola man de cada galego pasan unhas 234 bolsas dun só uso ao ano. Isto trae como resultado que en Galicia se xeran, neste período, máis de 600 millóns de bolsas. Para fabricar eses 600 millóns de bolsas son precisos 11.500 litros de petróleo, 132 millóns de litros de auga e a conseguinte enerxía. Cunha vida útil de 20 minutos, do comercio á casa e ao lixo, as bolsas simbolizan a incultura do usar e tirar.
Tendo en conta o marco lexislativo galego no eido dos residuos, que establece o obxectivo de reducir para 2020 o 10% dos residuos xerados na Comunidade Autónoma, a campaña acadou este obxectivo durante estes 5 meses.
Aínda que oficialmente a campaña remata aquí, a Praza de Abastos continuará fomentando a redución de bolsas de plástico seguindo coa dinámica iniciada e utilizando os materiais facilitados polo Concello de Ourense. Seguirase premiando a todos aqueles clientes que renuncien ao uso de bolsas de plástico cunha bolsa reutilizable para que poidan facer as súas compras dun xeito máis ecolóxico e continúen nesta mesma liña.











