A campaña Nigrán Non se Agota reúne un cento de persoas nunha xornada de limpeza de praias

Voluntarios que participaron na campaña
O Concello de Nigrán presentou hoxe na praia de Patos a campaña Nigrán Non se Agota, unha iniciativa posta en marcha coa colaboración de CESPA, dirixida a concienciar a poboación local e visitantes da importancia do respecto e protección ambiental.
Entre estes hábitos de boa praxe, e con motivo da celebración do Día Mundial da Terra, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, presentou hoxe un novo sistema de control do consumo da auga nas duchas das praias, que permitirá un aforro de ata un 60%.
O acto contou coa participación do presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, xunto con outros membros do seu equipo de goberno, así como con patrocinadores da iniciativa, como a responsable de Relacións Institucionais de Coca Cola, María Troncoso, o responsable de CESPA en Nigrán, Jorge Pérez Castillo, e representantes dalgúns dos clubs de surf do municipio.
Único en Galicia
Este sistema de aforro de auga, pioneiro en Galicia, baséase na instalación dunhas duchas que se activan cunhas tarxetas de proximidade, permitindo un uso racional da auga e evitando a dilapidación. “Un sistema intelixente de control do consumo de auga que, ademais de reducir o consumo desta, favorece a creación dunha concienciación colectiva sobre o aforro da auga e o coidado medio ambiental”, explicou Valverde.
“Nigrán será o primeiro municipio de Galicia en contar con este sistema de aforro de auga, un recurso escaso que, entre todos, debemos coidar e protexer,” sinalou. Ata a data, as duchas das praias rexistraban un consumo de 7.500 metros cúbicos anuais, un consumo que coa posta en marcha desta medida poderase reducir ata os 3.000 metros cúbicos.
Convenio de colaboración
Esta iniciativa é hoxe unha realidade grazas a firma dun convenio de colaboración asinado o pasado mes de agosto polo alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e o conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para poñer en funcionamento medidas de aforro de auga a través de sistema de control intelixentes.
Limpeza de praias
A presentación desta iniciativa ambiental, complementouse coa celebración dunha xornada de limpeza de praias, que congregou un centenar de alumnos e usuarios do CEIP de Panxón, adscrito ao programa europeo ECOESCUELAS, do Centro Juan María e da Fundación Menela.
Ao finalizar a limpeza da praia, gozaron dunha merenda cortesía de Coca Cola Begano e GADISA, así como dunha charla informativa impartida por unha bióloga na que se explicou os efectos prexudiciais para o medio de depositar residuos nos nosos areais ou nos nosos mares, en definitiva, de non coidar e protexer o noso ámbito. Os tres grupos que máis restos e lixo recolleron gozarán dun bautismo de surf, ofrecidos por algunhas das escolas da zona deste deporte náutico, Parrulos Surf, Prado Surf e Beachescolas Patos.
Sensibilizar os cidadáns
Pola súa banda, o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, destacou que a Xunta de Galicia apoia esta iniciativa, non só polo beneficio directo no aforro da auga empregada nas praias, senón tamén polo efecto multiplicador de sensibilizar os cidadáns en que a auga non é algo que poida gastar de xeito ilimitado. Solicitou tamén aos usuarios realizar un uso responsable deste recurso, para que todo o mundo que faga uso das praias en Nigrán o poida percibir.
En Nigrán, como en todo o Val Miñor, a auga convértese no verán nun recurso escaso. “A pesar de que tivésemos un inverno chuvioso, hai que insistir na mensaxe dun uso responsable”, sinalou.
Por último, recordou que o Conselo da Xunta acaba de autorizar o investimento de máis dun millón de euros na potabilizadora de Nigrán, dado ao grande incremento de demanda que se produce neste municipio nos meses de verán. Menéndez destacou que este presuposto exemplifica os custos e os investimentos necesarios para que a auga chegue ás billas das nosas casas.
Obxectivos do sistema
Entre os diversos obxectivos desta iniciativa destacan reducir o consumo de auga, un recurso escaso e que en ningún caso se debe malgastar; concienciar a poboación sobre un correcto e axeitado uso deste e difundir entre os veciños e visitantes de Nigrán uns bos hábitos de coidado, respecto e protección medio ambiental, “que nos permitan protexer todo o ámbito natural e patrimonial do noso municipio”, agregou o rexedor municipal.
“Que unha cidade sexa modélica no uso eficiente da auga depende do comportamento de cada un dos seus habitantes”, explica o rexedor municipal, “tarefa na cal, dende a administración, debemos incidir e promover”, observou Valverde.
Funcionamento
O sistema de coidado e protección ambiental funcionará mediante o uso de tarxetas de proximidade, que se inserirán na pestana do controlador. Automaticamente, a auga sairá do esparexedor, e deixará de facelo ao retirar a tarxeta. Unha pantalla informará o usuario do saldo en segundos que lle resta á tarxeta.
As tarxetas de proximidade adquiriranse nos puntos de recarga habilitados. O concello de Nigrán ao longo de todo o ano, e as oficinas de turismo de Patos e Panxón -en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas- entre abril e outubro. “O custo da recarga, estipulado en 0,50 céntimos de euros os 600 segundos, é simbólico, e exclusivamente dirixido a concienciar os usuarios das duchas de praias dun uso axeitado deste recurso”, aseverou.
A redución no consumo de auga conseguirase grazas a empregar a auga que realmente se necesita para eliminar a area e a salitre; evitar que o usuario, unha vez finalizada a ducha, a auga siga fluíndo de forma innecesaria e non empregar a auga como instrumento de xogo.
Nigrán non se esgota
A campaña presentada hoxe reforzarase coa repartición de flyers informativos sobre o novo sistema de control do consumo de auga, que inclúe tamén un decálogo de boas prácticas, cartelería e marchandizaxes, que se repartirán entre locais e visitantes, o próximo fin de semana e o próximo mes de xullo, “unha iniciativa dirixida a concienciar a poboación local e visitante da importancia e a necesidade de coidar e protexer o noso ámbito”, conclúe Valverde.











