A Campaña de compostaxe doméstica pecha a inscrición cunha gran demanda
O Rexistro Municipal pecheou onte o prazo de inscricións na Campaña de compostaxe doméstica para as parroquias de Mourente, Marcón e Bora que a Concellaría de Servizos, que dirixe Carme da Silva organiza en colaboración coa Asociación ecoloxista Adega. Foron 55 persoas as que solicitaron participar na campaña, e aínda que a Concellaría ofertaba 50 praza, fará acomodo para que participen todos os solicitantes.
Esta campaña pretende recuperar as formas tradicionais de tratamento dos residuos orgánicos, creando un plan de educación ambiental para adultos, e informar e ilustrar sobre a xestión adecuada da materia orgánica devolvéndoa á terra, e reiniciando o seu ciclo “vital”.
Rematada a fase de inscrición, as persoas que participen nesta campaña están citados para o vindeiro luns, 8 de abril, a partir das 19.30 horas no Pazo da Cultura onde se lles entregará os composteiros, daráselles un manual para o seu uso, información sobre o uso do compost e sobre o sistema de residuos de Galicia.
Dende ese momento, e até final de ano será Adega a encargada de facer tres visitas ás casas que reciban os composteiros para facer un seguimento do programa, tamén para resolver as dúbidas que poidan xurdir á hora de pór en marcha a compostaxe. Ademais, pasaráselles unha enquisa para coñecer a súa opinión sobre o proxecto.











