publicidade hoxe

A Biblioteca Municipal de Catoira convida a escoitar as “Historias na maletra” de Raquel Queizás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCatoiraLocal
A-
A+

A Biblioteca Pública Municipal de Catoira acolle este venres, 3 de maio, unha actuación de contacontos de Raquel Queizás chamada “Historias na Maletra”. Todas as letras viaxan e xogan xuntas dentro desta particular Maletra, formando palabras que contan fermosas historias. O espectáculo está dirixido ó público infantil e terá lugar ás 17:30 horas. A entrada é gratuíta.

Percorrido poético

Por outra banda, a BPM de Catoira colabora coa Plataforma Cultural Galega na organización dun “Percorrido poético pola ribeira do Ullán” dedicado ao poeta Faustino Rey Romero, que se celebra este sábado 4 de maio.

Trátase dunha andaina poética desde a estación de tren de Catoira ata o Souto de Isorna (Rianxo), con paradas naqueles lugares nos que o poeta, un dos fundadores da Romaría Vikinga, deixou a súa pegada. A xuntanza dos participantes será ás 16:30 horas no andén da estación de Catoira, iniciándose ás 17:00 h. a lectura pública de poemas na cantina e na Capela da Estación. O percorrido segue polo peirao, as Torres de Oeste, a Codeseira, para continuar, tras cruzar a ponte, pola Telleira de Isorna, a Fonte de San Pedro, o Campo da Festa (Os Mecheiros), a Taberna de Consuelo, o Cabo, o peirao de Quintáns, e rematando na aldea do Souto.

Ó finalizar a ruta, arredor das 20:00 h, celebrarase un acto no Parque do Souto de Isorna, non que intervirán os alcaldes de Catoira, Alberto García, e Rianxo, Adolfo Muíños. A actividade finaliza cun recital poético e a interpretación do himno galego a cargo da coral Abraira de Asados.

Esta actividade está organizada pola Plataforma Cultural Galega, e conta coa colaboración dos concellos de Catoira e Rianxo, do Centro Cultural “Simón Varela” e do Cadro Artístico Airiños.

XVI Encontro da Terceira Idade

Mañá, mércores 1 de maio, celébrase o XVI Encontro da Terceira Idade. Un total de 250 persoas asisten a esta xuntanza organizada polo departamento de Servizos Sociais do Concello. Antes do xantar, os participantes poderán participar ás 13:00 horas nunha misa que se oficiará na Capela de San Xosé Obreiro. Ó remate actuará a Banda de Música de Catoira. Ás 14:00 horas está previsto que comece o xantar no Edificio Multiusos. A sobremesa estará amenizada polo grupo musical “Amigos do Acordeón Rías Baixas”. O Concello sorteará un agasallo entre tódolos asistentes, e tamén se obsequiará á persoa de máis idade.

30 de abril de 2013 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.