A biblioteca de Vilagarcía acolle unha sesión de “Bicos con leite” para bebés e cativos de ata 3 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Biblioteca Pública Rosalía de Castro acolle mañá unha sesión familiar de contacontos orientada aos máis cativos da casa. Baixo o titulo “Bicos con leite”, a narradora Charo Pita contará historias moi sinxelas que poderán gozar tantos os bebés e cativos de 0 a 3 anos como os familiares que os acompañen. Trátase dunha actividade coa que se pretende facilitar o primeiro contacto dos nenos cos libros, de xeito que se cree unha relación entre uns e outros dende a infancia.

A actividade enmárcase no programa “A hora do contacontos” que organiza a Biblioteca a través da campaña “Ler conta moito” que subvenciona a Xunta de Galicia. Para facilitar a participación das familias, a sesión celébrase o sábado pola mañá, a partir das 11:30 horas, na sala infantil do centro emprazado na Rúa Rey Daviña. A asistencia é libre e de balde e non fai falla inscribirse previamente.

O espectáculo

Dentro dun repertorio aberto e adecuado para cativos de cero a tres anos, a narradora desenvolverá unha sesión de contos onde se intercalarán relatos de temática relacionada con actividades cotiás: a lactancia, a arte da baci, con breves historias de animais e cancións. Os elementos sonoros terán unha relevancia importante no desenrolo da sesión

Sinopse

Necesítanse bicos de leite e orellas de caracola para contar e cantar historias pequenas, de cando bebíamos na teta ou usábamos o penico ou gustábamos de todos os animais porque eran para nos un mundo descoñecido. Velaiquí un feixiño de contos para escoitar por orellas pequenas á calor dun colo.

26 de abril de 2013 | 15:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.