A Biblioteca da Deputación celebrará o Día do Libro cun completo programa de actividades
A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña celebrará mañá o Día Internacional do Libro cun completo programa de actividades.
O acto principal será o “Teatriño de contos” que acollerá o vestíbulo da biblioteca. Nesa actividade, programada para todos os públicos e con entrada libre, os participantes farán un teatriño de cartolina con escenas dos contos clásicos e os seus personaxes. Será entre as 18.00 e as 20.00 horas.
Ademais, a entrada da Biblioteca tamén albergará a exposición de libros “Os máis…”, unha curiosa mostra que recolle os volumes máis prestados, os máis traducidos, os máis antigos, os máis coñecidos… Unha serie de datos curiosos ao redor do mundo do libro.
Como noutras ocasións, o programa de actividades inclúe a iniciativa de levar os libros á rúa coa Biblioteca Móbil, un xeito de achegarse aos non usuarios do centro e informalos dos servizos que ofrece a biblioteca.
Para os socios tamén haberá unha especial atención durante todo o día, xa que por cada préstamo realizado o 23 de abril a Biblioteca Provincial regalará un libro.
Un dos chamamentos máis importantes das diferentes celebracións que realiza a Biblioteca Provincial son as visitas guiadas.
Nesta ocasión, ofreceranse dúas quendas: sesión de mañá ás 12.00 horas e sesión de tarde ás seis. Os interesados poderán inscribirse de forma gratuíta para esta actividade no Servizo de Información ata esta tarde ás 20.15 horas.











