A biblioteca celebra o Dia do Libro cun contacontos e un obradoiro de marca páxinas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Biblioteca Pública de Vilagarcía organizou unha serie de actividades para conmemorar o Día Internacional do Libro que se celebra mañá , 23 de abril en todo o mundo. Nesta sinalada data na que morreron dous grandes da literatura universal: Miguel de Cervantes e William Shakespeare, a Biblioteca Rosalía de Castro celebrará unha sesión de contacontos pola mañá e un obradoiro de confección de marca páxinas pola tarde, actividades especialmente dirixidas ao público infantil. Ademais, o centro agasallará con libros aos primeiros nenas e nenas que acudan mañá á sección infantil da Rúa Rey Daviña.

A conmemoración do Día do Libro comezará ás 10:30 horas da mañá co contacontos a cargo de Carmen Domech que leva por título “Contacontos de libros co tentos”. A actividade está dirixida a alumnos de 4 anos en diante e ten unha duración de 50 minutos. Neste tempo, a relatora contará aos nenos unha historia na que o protagonista explica como os libros da súa casa se volveron tolos. A cada un aconteceulle un suceso incrible e viaxan nunha maleta de acá para alá querendo contar a súa historia. Hainos libros de todo tipo: tímidos, divertidos, intrépidos, deliciosos, pero todos teñen algo en común: Contan fabulosas historias que encandilarán aos nenos.

Actividade educativa e integradora

O contacontos está incluído na campaña da Xunta de Galicia titulada “Ler conta moito”. Ademais se ser unha actividade cultural e educativa, a sesión contén unha compoñente de integración social xa que asistirán a el alumnos dun colexio do municipio mais un grupo de escolares do colexio de nenos autistas do centro Bata-Os Mecos.

Ó remate da sesión, entregaráselles ós asistentes, as solicitudes para facerse socios do servizo de préstamo a domicilio e como agasallo, marca páxinas con información sobre a biblioteca: localización, horario, etc.

A celebración do Día do Libro proseguirá pola tarde, cunha actividade aberta a todos aqueles nenos e nenas que desexen participar. Será a partir das cinco da tarde e consistirá nun obradoiro de confección de marca páxinas que se prolongará ata as oito da tarde. Ademais, a Biblioteca disporá un lote de libros que entregará ata esgotar existencias a os primeiros nenos e nenas que acudan ás instalacións culturais.

22 de abril de 2013 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.