A Banda de Música de Lalín ofrece un concerto de presentación do seu último traballo “Extreme Beethoven”
A Banda de Música de Lalín presenta mañá ás 20.30 horas no Salón “Tuno Valdés” do Auditorio Municipal o seu último Cd “Extreme Beethoven” nun concerto que ofrecerá con carácter gratuíto. “Trátase dun monográfico do compositor holandés Johan de Meij, un dos máis prestixiosos directores de banda a nivel mundial, compositor dunha das obras da Banda Sonoro do filme “El Señor de los Anillos”, e no que participa como solista o destacado bombardinista inglés David Childs”, destaca Manuel Gómez, concelleiro e vicepresidente do Padroado Cultural.
No concerto actuarán ademais como solistas catro dos máis prestixiosos de Galicia: Alfredo Varela, trompa principal de Real Filharmonía de Galicia; Pedro Pintos, trompa da Banda Municipal da Coruña; Javier Borrajo, trompa de Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e Martín Naveiro, trompa Orquestra Sinfónica de Castela-León.
O Cd “Estreme Beethoven” está xa á venda en tendas de música especializadas, no Auditorio de Lalín e nos dous catálogos de música en Internet, Spotify e Itunes, baixo o nome de “Extreme Beethoven”.
A grabación dos temas levouse a cabo no Auditorio de Lalín nas pasadas Navidades baixo a batuta de Johan de Meij que se encargou persoalmente de facer as adaptacións da música do universal compositor. Foi o propio De Meij quen escolleu Lalín e a súa Banda para realizar esta gravación despois de oír a calidade musical e das gravacións anteriores da formación musical de Lalín.
O próximo domingo 28 de abril a Banda de Lalín estará en Vilagarcía de Arousa para ofrecer unha actuación que contará co saxofonista Marcos Mariño como solista.











