A área de Emprego e Empresa busca as ideas máis “wapas” para o comercio
A área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid realiza un concurso de ideas wapas para a organización e imaxe dunha nova edición do Coruña Wapa, un evento que busca impulsar e apoiar ao pequeno comercio fomentando o consumo entre os clientes.
Tras o éxito alcanzado na edición anterior, dende a área de Emprego e Empresa búscase mellorar o evento dotándoo dunha maior dose de orixinalidade e creatividade que reforce o liderado do comercio coruñés en toda Galicia. Para iso, o Goberno local quere dotar o Coruña Wapa dun formato orixinal que o diferencie doutros eventos de moda e, sobre todo, que faga partícipes tanto comercios coma cidadáns. Precisamente, a través do concurso de ideas preténdese mellorar o impacto do Coruña Wapa no mundo da moda, das tendencias, a creación e o deseño, reforzando a imaxe do comercio coruñés como referente de moda, vangarda, innovación e calidade.
Ademais de dinamizar o sector comercial da cidade, Coruña Wapa ten por obxectivo atraer clientes de toda a área metropolitana, promovendo a cidade e o comercio local e incrementando as vendas dos comerciantes. Con esta nova edición de Coruña Wapa, a área de Emprego e Empresa quere reforzar a imaxe da Coruña como unha cidade de vangarda no sector da moda e as tendencias, fomentando, tanto entre comerciantes como clientes, o uso das novas tecnoloxías.
IMAXE IMPACTANTE E NOVIDOSA
Coruña Wapa, que se desenvolverá ao longo dunha semana, englobará unha serie de actividades no mundo das tendencias: creación, deseño, desfiles, xornadas e demostracións. No concurso establécense dúas categorías: Proxecto, no que se inclúe o deseño de accións que se desenvolverán no evento, e Imaxe e Comunicación. Tal e como se reflicte nas bases do concurso, dende a área de Emprego e Empresa, búscase unha imaxe impactante e novidosa, cunha mensaxe directa e explícita nas que prime o deseño e a creatividade. Por outra parte, durante o transcurso de Coruña Wapa, desenvolveranse unha serie de actos por diversos puntos da cidade, cunha presenza especial nas zonas comerciais.
A selección do mellor proxecto e imaxe correrá a cargo dun xurado formado por dous representantes das asociacións de comercio da cidade, dous expertos en mercadotecnia, tanto da universidade como do sector empresarial, e un técnico da área de Emprego e Empresa. Entre outras cuestións como a orixinalidade e a variedade, o xurado terá moi en conta a implicación das zonas comerciais e a repercusión que o evento poida ter nos establecementos da cidade como foco de atracción. En definitiva, este concurso pretende encontrar as mellores propostas para posicionar A Coruña como referente de calidade e innovación en tendencias e comercio.
En canto aos premios, o mellor proxecto para a organización de Coruña Wapa estará dotado con 4.000 euros, mentres que o premio á mellor imaxe proposta será de 2.000 euros. A información completa do concurso encóntrase na web do Concello, en www.coruna.es.











