A área de Emprego da Coruña bate récords de execución presupostaria ao rozar o 100%
A área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid logrou un nivel de execución presupostario histórico, tal e como reflicte o informe de liquidación de 2012, xa que nalgúns casos, como Comercio, a execución roza practicamente o 100% -en concreto, un 98,4%-. Dos cinco millóns do presuposto inicial co que contaba o departamento, executáronse case 4,5 millóns, o que representa o 88% do presuposto, unha cifra visiblemente superior ao nivel de execución do goberno bipartito que durante os seus catro anos de lexislatura deixou sen executar máis de seis millóns en emprego e comercio.
Durante o exercicio de 2012, case todas as áreas de Emprego e Empresa superaron o 85% de execución, o que implica o alto grao de eficacia, profesionalidade e compromiso co que traballa este equipo de goberno, que non deixa ningunha partida presupostaria exposta nin á improvisación nin á irresponsabilidade característica do anterior goberno bipartito que “cun presuposto menor tiña un grao de execución tamén moito menor”, apuntou Cid. Así, no que respecta ao departamento de Emprego, a execución real durante o ano pasado alcanzou o 91%, o 91,4% en Empresa e o 83% en Comercio e Mercados.
Cid reprochou que dende algunhas formacións políticas se faga unha lectura torticera das contas co único obxectivo de enganar á opinión pública. “O que non se pode facer -indica Cid- é un totum revolutum no que se inclúen gastos de persoal, gastos en fotocopias ou subvencións plurianuais,”. O tenente de alcalde de Emprego e Empresa reiterou que a execución presupostaria do actual equipo de goberno se exerce dende a responsabilidade.
Como exemplo da falta de previsión e de compromiso do anterior goberno bipartito, Cid citou o nivel de execución dos cursos de formación. Mentres que o actual equipo de goberno conseguiu executar un 76,43% dos 843.786 euros do presuposto inicial, no ano 2010 o goberno bipartito tan só executou o 66,23% dun presuposto inicial (568.935 euros) bastante menor.











