A 10ª Mostra de Cultivos cumpre as expectativas, de visitantes, negocios e contactos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+
Expositores na Mostra

Expositores na 10ª Mostra de Cultivos

Tal como prevían os organizadores da 10ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que tivo lugar durante esta fin de semana en Goián (Tomiño), os visitantes alcanzaron a cifra de 15.000.

Aínda que aínda non foron contabilizadas, as transaccións económicas realizadas durante os dous días, foron numerosas. A mostra funcionou, como é habitual, coma escaparate das últimas novidades do sector da planta ornamental, flor cortada, cultivos, etc., establecéndose moitos contactos que poderían traducirse tamén en futuras operacións comerciais.

Entre os atractivos desta décima edición atopáronse o xardín exterior, da empresa A Fonte, e a demostración en vivo de modelado de madeira con motoserra, realizada tamén no exterior do pavillón de deportes.

Outras actividades paralelas, coma un taller de contos con Anxo Moure e unha conferencia sobre a situación económica actual, contaron tamén co beneplácito do público.

Na trintena de expositores presentes nesta décima edición atopábanse empresas de planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería e empresas auxiliares. Houbo sitio tamén para firmas de investigación e desenvolvemento, coma a do Plan Idga, en plantas arbustivas, de temporada e novas variedades.

Entre os exemplares vexetais novidosos, puido verse unha oliva centenaria en forma de bonsai e unha trepadora procedente do Tibet, con baias enerxéticas; palmeiras que soportan fríos de ata -23 grados centígrados e que se producen no Baixo Miño para exportarse case na súa totalidade a países de Centroeuropa. Suministros, instalacións, cultivos hidropónicos, maquinaria e xardinería, foron outros dos puntos fortes desta mostra tomiñesa.

22 de abril de 2013 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.