60 alumnos reciben formación sobre aforro e eficiencia enerxética en Gondomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+
Charla de eficiencia enerxética

Charla de eficiencia enerxética

O IES Terra de Turonio acolleu esta mañá, ás 09.30 horas, dúas charlas formativas sobre eficiencia e aforro enerxético, dirixidas a 60 alumnos e alumnas dos  institutos Terra de Turonio e Auga da Laxe.

Esta xornada de divulgación medioambiental, na que tamén estivo presente o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos Juan Carlos González, é froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra, o concello de Gondomar e os IES Terra de Turonio e Auga da Laxe. A iniciativa xorde dentro do proxecto RETALER II, Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais en Enerxías Renovables, da cal a Deputación de Pontevedra é socio membro xunto con outras dezaseis entidades españolas e portuguesas.

As charlas amosaron aos alumnos asistentes a relación que se establece entre a enerxía e o medio ambiente, centrándose naquelas medidas que favorezan á sustentabilidade para lograr a eficiencia e a redución do consumo enerxético. Tamén se trataron temas como as enerxías renovables co fin de promover a súa implantación.

Estas charlas foron impartidas por conferenciantes da Fundación Galicia Sustentable, entidade cunha grande experiencia na organización de este tipo de actividades formativas no eido ambiental e organizadores do evento internacional TeDx en Galicia.

Con esta actividade formativa o Concello de Gondomar reforza o seu compromiso co aforro e a eficiencia enerxética apostando pola formación como mellor ferramenta para acadar o éxito nos seus obxectivos medio ambientais.

4 de abril de 2013 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.