58 familias participarán nas xornadas de portas abertas da gardería municipal de Brión

Xornada de portas abertas na gardería
Un total de 58 pais e nais dos 82 cativos da gardería municipal de Brión participarán ata o vindeiro venres 26 de abril nas Xornadas de Portas Abertas da escola infantil, que levan celebrándose de xeito ininterrompido durante os últimos 11 anos. Unhas xornadas especiais nas que os pais teñen oportunidade de estreitar a conexión entre a escola e a familia. “A gardería ten 12 anos de historia e levamos 11 facendo estas xornadas de portas abertas para que os pais e nais vexan como funcionamos e que educación reciben os seus nenos. Ademais, sempre é interesante que os pais vexan como se comporta o seu pequeno fora do ámbito familiar”, explica Dolores Campos, directora da gardería municipal.
Así o comprobaron hoxe, por exemplo, David e Sonia, que descubriron que a súa pequena apenas bebe auga durante as mañás na gardería, polo que polas tardes adoita beber máis do habitual. Ou Sole, que descubriu de onde veu unha manía que hai uns meses tiñan todos os cativos da aula de baixar os pantalóns de cando en vez imitando a outro dos pequenos.
Dolores Campos asegura que estas xornadas, que comezaron onte luns, “serven para ver as reaccións dos nenos ante a presenza dos seus proxenitores na aula e, por outra banda, os pais e nais coñecen as rutinas habituais dos cativos e participan nelas”. Por iso, dende a gardería municipal de Brión adaptáronse aos distintos horarios dos pais e nais.
Profesións e animais
Ademais de coñecer o día a día dos nenos na gardería e compartir experiencias cos seus profesores, cada aula prepara tamén algunha actividade especial na que poidan participar os cativos cos seus pais. Así, os máis pequenos, que están a aprender os nomes dos animais, pintaron varios deles coa axuda de David, Sonia e Sole. Noutra das clases están xa traballando nos decorados da festa de fin de curso e os máis maiores (de 2 a 3 anos) están a falar dos distintos oficios dos pais.
Así, esta mañá recibiron a visita de María José, que lles explicou o seu traballo como controladora marítima en Fisterra. Unha ocasión que os peques aproveitaron para, ademais de probarse a “gorra de Capitán”, para faceren os seus propios barquiños de papel para controlar. Estas xornadas seguiran celebrándose ata o vindeiro 26 de abril e reunirán a un total de 58 familias dos 82 cativos da gardería municipal.
Así mesmo, dende a escola infantil de Brión tamén teñen preparada unha segunda xornada de portas abertas para finais de maio/principios de xuño para aquelas familias que se incorporarán por primeira vez ao centro no vindeiro curso 2013-2014. Deste xeito, cando se coñezan os listados definitivos de admitidos, esas familias tamén terán a ocasión de coñecer por dentro o funcionamento da gardería municipal de Brión.











