400 persoas participarán este domingo na Travesía do Xalo máis multitudinaria en Culleredo
O Xalo vístese de gala por cuarto ano consecutivo para recibir aos centos de sendeiristas e corredores dispostos a coñecelo. Diríase que por primeira vez, porque se por algo se caracteriza a proba organizada pola asociación cullerdense Castelo Deporte é por cambiar os circuítos das dúas modalidades cada ano. Porque este monte é eterno, infinito, e é algo que o fai moi especial.
Quizáis sexa unha das razóns polas que este domingo chegarán a Castelo catrocentas persoas, un record histórico de participación, para percorrer baixo a chuvia (ou iso din as prediccións) os trazados de carreira e andaina. Segundo se apuntan os que coñecen ben o pulmón verde na comarca coruñesa, nunca antes tanta xente participara nunha actividade deportiva no monte: boa mostra do sensacional momento que vive o atletismo de montaña, e máis responsabilidade dunha organización que contará para esta fin de semana con máis de cincuenta voluntarios encargados de diferentes tarefas no centro loxístico da polideportiva de Castelo e ao longo e ancho do Xalo.
Case 20 quilómetros cun desnivel acumulado positivo de 1200 metros terán que percorrer os trescentos participantes nunha carreira que o pasado ano gañou Fernando Arca cun tempo de 1.45 facendo unha ruta lixeiramente máis extensa. Desde a organización apúntase que, aínda que o trazado que non chega aos vinte quilómetros, é con creces o máis duro dos proxectados ata agora para esta actividade.
Sobre a andaina, aínda que non tan intensa como noutras edicións, será sen dúbida a máis fermosa: percorrerá as paraxes máis frondosas da parroquia de Castelo, e chegará ata os puntos máis altos do monte. Será un percorrido de pouco máis de nove quilómetros, no que se disporá un avituallamento sólido e líquido para repoñer forzas.
Horarios e previsión meteorolóxica
Para as 9.30 horas está prevista a saída da carreira e para as 10.00 horas a da andaina. O obxectivo será completar ambas probas antes das 14.00 horas, hora en torno á cal está prevista a entrega de trofeos, á que previsiblemente asistirá o concelleiro de Deportes e Participación cidadá do Concello de Culleredo, Miguel Suárez. Desde as 8.00 horas disporase no bar Casa Rodríguez (Castelo) o punto de recollida de dorsais, que permanecerá aberto ata as 9.15 horas para a carreira e as 9.45 horas para a andaina.
Meteogalicia avanza para o domingo unha probabilidade de chuvia do 80%, con temperaturas que oscilarán entre os 8 e os 15 graos. A organización recomenda aos participantes acudir, sobre todo á andaina, con roupa de abrigo e chuvasqueiros.
Castelo Deporte informará durante toda a xornada do domingo a través da súa conta en Twitter de todo o que aconteza na proba, e mesmo ofrecerá avisos de última hora para os participantes a través desta rede social.
Participantes de luxo
Dous dos socios máis ilustres da entidade cullerdense participarán na proba. Os actores Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán percorrerán carreira e andaina respectivamente, nunha mostra máis de apoio ao traballo que Castelo Deporte desenvolve na organización de actividades deportivas e culturais en Culleredo.
Incendio no Xalo
O pasado mércores á tarde rexistrábase na zona de Celas de Peiro, pero en pleno monte Xalo, un incendio forestal que tardou case doce horas en extinguirse. Aínda que non afectou ao trazado da actividade, o cambio de tempo previsto para a xornada de hoxe e para toda a fin de semana favorece o enfriamento do terreo.
A directiva de Castelo Deporte amosou o propio mércores a súa preocupación polo estado do monte. Segundo se apuntou, que dúas semanas sen chuvia fagan do Xalo un polvorín non é unha nova nada alentadora de cara ao verán. Doutra banda, insistiuse na importancia de ser responsables en todo o que se faga nunha contorna cunha flora tan abundante. “Esta asociación pon o respecto ao monte por enriba de calquera outra cousa na organización das actividades, e é algo ao que debemos darlle unha importancia vital todos os que facemos cousas no Xalo”, declarou o vicepresidente da entidade nunha entrevista.











