40 alumnos do IES de Tomiño apúntanse ao programa de apoio académico “É aprender”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+
Grupo de voluntarias que impartirán o curso

Grupo de voluntarias que levarán a cabo o proxecto

O Programa “É Aprender” xa está en marcha. Uns corenta mozos e mozas que cursan estudos de ESO no IES de Tomiño, participan nesta experiencia piloto asumida polo Concello de Tomiño, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) co fin de axudar a mellorar o rendemento académico e previr o fracaso escolar.

Un equipo de dez voluntarias da OMIX están ao fronte do proxecto, distribuídas por aulas en diferentes parroquias do rural. De momento, hai catro aulas funcionando. Currás, Piñeiro, Tebra e Estás son as que levan traballando desde hai unha semana, cunha media de dez alumnos/as por clase.

As voluntarias apuntadas ao programa proveñen na súa maioría do propio municipio (Sara Silva, Sara Sánchez, Amanda Bugarín, Ana Saá, Tania Domínguez), aínda que tamén as hai doutros concellos da zona, coma de A Guarda e Salceda (Raquel Mª González e Leticia González, e Silvia Loureiro, respectivamente). A estas voluntarias hai que sumar outras dous europeas, Iwona Domaszczynska e Marín Vomm, que pasan uns meses dentro dun proxecto financiado con fondos europeos.

Entre as carencias detectadas nestas primeiras sesións, atópanse principalmente a falta de organización e dun método para estudar. Á dificultade para facer esquemas, resumos e comprensión lectora, súmanse problemas de ortografía, redacción e cálculo.

As voluntarias observan, porén, unha actitude xeral positiva e pensan que unha das razóns principais dos problemas académicos destes mozos e mozas é a falta de motivación e seguimento que amosan na maioría dos casos.

O programa é totalmente gratuíto para os estudantes, e o horario previsto é de dúas horas, dúas veces por semana. A técnica de Xuventude, Elisabet Pérez de Santiago, coordinadora do proxecto, aclara que as voluntarias non dan clases, senón que exercen labores de apoio, reforzo e guía. Por unha parte, desenvolven accións orientadas a mellorar a comprensión lectora, tentan dar técnicas de estudo (facer resumos, esquemas, fichas de exercizos) e por outra, realizan xogos educativos, coma o Scrabble, ou con dinámicas de grupos.

A concelleira de Educación, Olga Orduña, pola súa banda, informa que esta actividade vén a sumarse ás accións que a concellería desenvolve para o mantemento dos centros educativos ao longo do ano.

A edil explica que o proxecto inclúe, asemade, asesoramento especializado e psicoterapia individual e familiar, tanto para os alumnos, coma para as súas familias, establecendo unha coordinación entre os estamentos que interveñen na educación dos menores, e tendo en conta as demandas e necesidades do alumnado con problemáticas propias desta etapa do crecemento.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a importancia de reflexionar sobre a importancia que ten a educación e a formación na sociedade. “Queremos contribuír creando un espazo de reflexión e formación que axude a superar estas dificultades aos nosos rapaces e rapazas”, sinala a rexedora tomiñesa.

16 de abril de 2013 | 15:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.