36 persoas participaron no obradoiro de elaboración de broches con fieltro
Este sábado desenvolveuse na casa da Cultura o obradoiro do Tempos para compartir correspondente ao mes de abril. Llanos Luaces amosoulle ás 36 persoas inscritas como facer fermosos e sinxelos broches con fieltro. Esa mesma mañá tamén se desenvolveu a segunda xornada do Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero, no que participaron máis dunha vintena de mulleres.
Con tanta concorrencia, o Concello fixo grupos de dúas persoas para poder impartir a actividade. O obradoiro comezou cunha clase teórica sobre cales son os materiais necesarios e como preparalos en base ao deseño que se queira facer.
Llanos Luaces, toda unha experta na materia, explicou como combinar elementos e conseguir un resultado rechamante e atractivo que poida combinarse con case calquera prenda. Imperdibles, adhesivo, fío, tesouras -ou unha coitela-, fieltro e imaxinación son suficientes para facer un broche en moi pouco tempo.
O próximo obradoiro de Tempos para compartir desenvolverase en Bardaos o sábado 4 de maio a partir das 17.00h. Nesta ocasión a veciña de Lamas Fina Casal mostraranos como facer flores decorativas con follas do millo. O último día para apuntarse chamando ao Concello -981 490 027- é o 26 de abril. Hai 15 prazas dispoñibles e terá prioridade a xente empadroada en San Sadurniño.
Se tes calquera habilidade ou coñecemento que queiras compartir cos demais, podes participar como docente en Tempos para compartir. Só tes que contactar co departamento de igualdade do Concello.
envioche as fotos do obradoiro de onte para que as envies a prensa e as poñas na páxina web.
II Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero
Noutra orde de cousas, o sábado pola mañá tamén se celebrou a segunda xornada de autoprotección ante a violencia de xénero impartida por membros do Sindicato Unificado de Policía. A difusión mediática que tivo a anterior sesión fixo que se inscribisen cinco persoas a maiores das 20 que xa estaban apuntadas desde hai máis dun mes.
O obxectivo do encontro foi o de mostrarlles ás mulleres participantes as técnicas e habilidades necesarias para enfrontarse a un caso de violencia e mesmo como anticiparse a el para evitalo. Ademais tamén se traballou na autoestima, tan importante para decidirse a denunciar calquera ataque, sexa físico ou psicolóxico.
Ao remate da sesión, participantes e docentes participaron nun xantar que serviu, ademais, para debater e intercambiar impresións ao respecto das posibles solucións desta lacra social.











