311 deportistas participarán no XXXIII Trofeo Memorial Juan Varela e Cidade de Ferrol de Natación

Presentación do trofeo de natación
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe o XXXIII Trofeo Memorial Juan Varela e XVI Cidade de Ferrol de Natación, que se disputará o vindeiro sábado, día 27, en horario de mañá e tarde na piscina de Batallones. A edil ferrolá estivo acompañado no acto polo presidente e o director técnico do Club Marina Ferrol, Manuel Somorrostro e Ito González, respectivamente. O Marina Ferrol é a entidade organizadora desta proba, todo un clásico dentro do calendario de eventos de Natación que teñen lugar en Galicia.
Martínez Galdós destacou que o Memorial Juan Varela “é un trofeo dos máis prestixiosos da nosa Comunidade Autónoma e de fóra dela”; e lembrou que ten a súa orixe no ano 1980 para recordar ao nadador do Club Marina Ferrol que da nome ao trofeo e que faleceu o ano anterior nun accidente de tráfico. No que atinxe á edición deste ano, participarán 16 clubs entre os que destacan o Marina de Ferrol e o Náutico de Narón; así como o Club Fluvial Vilacondense -un dos mellores clubs portugueses- e outros quince procedentes das catro provincias galegas. En total, estarán o sábado presentes nas instalacións da Armada 311 nadadores/as -166 homes e 145 mulleres-, non podendo dar cabida a máis por problemas de tempo en canto ao desenvolvemento do Memorial e de espazo. De tódolos xeitos, esta cifra supera ao número de competidores do ano pasado.
Pola súa parte, Manuel Somorrostro subliñou que “sen o apoio do Concello de Ferrol e os diferentes patrocinadores este ano non sería posible realizar este evento, debido ás dificultades económicas moi serias pola que atravesan en xeral os clubs”. No que atinxe aos premios, entregaranse medallas aos tres primeiros nadadores/as clasificados por proba e categoría; e os trofeos serán para os tres primeiros clubs da clasificación conxunta final, sendo o primeiro clasificado o premiado co Trofeo Memorial Juan Varela e Cidade de Ferrol. Entre os premios en metálico, repartiranse en total 600 euros entre os tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina nas tres probas nas que participen: 150 euros para os primeiros, 90 para os segundos e 60 euros para os terceiros.
Por último, Ito González, tamén do Club Marina Ferrol, explicou que as categorías feminina e masculina son a nivel absoluto, sen restrición de idades e salientou algunhas novidades introducidos no torneo. As máis significativas son a inclusión de tres novas probas: 50 bolboreta, 50 costas e 50 braza. Ademais, nas probas de 400 limítanse a unha serie as seis mellores marcas, en 200 soamente as vintecatro mellores marcas; e en 50 e 100 as trinta e seis mellores marcas. Así, o formato da competición este ano é o de contrarreloxo.











