30 candidatos doutros tantos centros de ensino optan ao premio da mellor Voz da Comarca
Un total de 30 candidatos doutros tantos centros de ensino optarán ao premio de “Mellor Voz da Comarca” na primeira edición do concurso “Canta Ferrol” promovido pola Concellería de Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Borja Carro Muñoz. As actuacións terán lugar o vindeiro sábado, día 6 de abril, na praza de Amboage, a partir das 18.00 horas.
Esta primeira edición de “Canta Ferrol” resultou ser un éxito de participación que ten superado as expectativas iniciais, posto que se inscribiron 70 alumnos/as de máis de 45 centros de ensino de toda a comarca. Despois do proceso de selección, esye sábado en Amboage medirán as súas voces 30 candidatos doutros tantos centros da zona. Pero soamente15 destes 30 candidatos acabarán converténdose nos verdadeiros finalistas do certame. Os candidatos irán coñecendo se pasan á gran final durante a gala, a medida que o xurado formado por Paco Arrojo, Jorge González e Javi Mota, vaia elixindo aos seus preferidos. Nese momento, a fotografía do seleccionado aparecerá nas pantallas e terán que subir ao escenario a cantar o tema que elixiron.
Ao finalizar a actuación de cada candidato o público asistente á gala será o protagonista, xa que cos seus aplausos –medidos por un sonómetro- outorgarán catro dos dez puntos aos que opta cada finalista. É por iso que se agarda que os candidatos mobilicen a familiares, amigos, compañeiros de instituto para conseguir os seus aplausos, o que sen dúbida vai contribuír a que a praza de Amboage se encha de público o vindeiro sábado.
Actuacións de Paco Arrojo, Jorge González e Javi Mota
Ademais de formar parte do xurado, Paco Arrojo, Jorge González e Javi Mota deleitarán ao público con varias actuacións en directo durante a gala. Os tres artistas convidados participaron nun dos programas musicales de televisión con máis audiencia dos últimos tempos.











