24 empresas presentan propostas para as obras do edificio anexo ao Pazo da Marquesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Os traballos de rehabilitación do antigo colexio das monxas de San Sadurniño para convertelo nun edificio polivalente están a espertar un grande interese no sector da construción. De feito foron 24 empresas as que achegaron ofertas para facerse cuns traballos que se licitan por un importe de saída de algo máis de 345.000 euros. Unha vez abertos os sobres que conteñen a documentación administrativa, a mesa de contratación rexeitou tres candidatas por non reunir os requisitos.

As obras saíron a concurso mediante procedemento aberto con multiplicidade de criterios e deberán estar listas nun prazo máximo de seis meses. Hai que lembrar que a Deputación achega 200.000 euros e que no convenio de colaboración asinado co Concello especifícase que os traballos terán que estar rematados no mes de setembro.

Os datos referidos ao proceso de contratación poden seguirse a través do perfil de contratante municipal. En total presentáronse 24 empresas construtoras -algunhas delas afamadas- das que 3 quedaron fóra por defectos ou omisións insubsanables, en concreto as referidas á esixencia de identificar e presentar os currículos tanto da xefatura como da persoa encargada da obra.

Neste proceso tamén se nomeou o comité de expertos que se encargará de avaliar as propostas técnicas achegadas polas empresas que seguen adiante. A próxima xuntanza desenvolverase o venres 19 e estímase que a adxudicación provisional das obras podería producirse no prazo de quince días.

Escola infantil e centro para o emprendemento

A intervención prevista fundaméntase na necesidade de por en valor un edificio en desuso ao tempo que se adapta a súa fisonomía aos xardíns e ao pazo xa restaurado. Deste xeito, o inmoble -remodelado sobre unha construción preexistente- verá reducido o seu volume ao perder un andar e a parte que o comunica co torreón do pazo. O deseño arquitectónico deixa entrambos edificios un corredor que dará acceso aos xardíns desde a fachada paralela á estrada AC-862.

O aspecto exterior tamén cambiará, aínda que os informes de Dirección Xeral de Patrimonio obrigaron ao Concello a facer modificacións que garantisen a harmonía co resto do conxunto histórico. Substituiranse as fiestras , farase unha nova cuberta e sanearanse as paredes de todo o perímetro. Xunto coas obras de derrubamento e acondicionamento exterior tamén se aproveitará para instalar sistemas de aforro enerxético que aseguren un edificio que requira pouca enerxía para manterse e que sexa ambientalmente sustentable.

No interior prevense dúas grandes actuacións. Para a planta baixa deseñáronse varias divisións e estancias equipadas para acoller unha escola infantil. A escola precisará a maior parte dos 350 metros útiles que hai na parte baixa do edificio. Porén, aínda quedará espazo para ofrecerllo a outras administracións ou institucións que presten servizos públicos.

A segunda grande actuación desenvolverase no primeiro andar do edificio. Alí deixaranse listos os 281 metros útiles dispoñibles para transformalos nun centro de empresas orientado principalmente a emprendedores e con prezos competitivos que axuden en tempos de crise a iniciar ou a continuar cunha actividade.

As obras están orzamentadas en 345.728 euros, impostos incluídos. San Sadurniño conta xa con 200.000 euros provenientes do cambio do obxecto do convenio  coa Deputación provincial que inicialmente se ía destinar á compra do antigo cine. Entre as baixas do proceso de contratación e os 200.000 euros provinciais agárdase que a achega municipal se reduza e non se descartan outras liñas de finanzamento complementarias que baixen ao mínimo o que teña que poñer o Concello con recursos propios.

12 de abril de 2013 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.