1839 vehículos pasaron pola campaña de control de velocidade da Policía de Cambre
A Policía local de Cambre, participou na campaña nacional da DGT sobre control de velocidade entre os días 8 e 14 de abril. Os controis realizáronse en zonas próximas a pasos de peóns, controlando un total de 1839 vehículos, tramitándose 18 denuncias.
Ademais, nos últimos días a policía local de Cambre instruíu 3 dilixencias por presuntos delitos contra a seguridade do tráfico e imputando outros tantos condutores.
No primeiro caso, observaron un vehículo que circulaba a unha velocidade anormalmente reducida e tras dalo o alto, os axentes comprobaron que presentaba síntomas de acharse baixo os efectos do alcohol. Tras sometelo á proba de alcoholemia, botou un resultado positivo.
No segundo caso, nun control preventivo xunto á Garda Civil de Cambre, observaron un ciclomotor que circulaba zigzagueando polo que foi sometido o condutor á proba, botando un resultado que cuadriplicaba a taxa permitida.
O terceiro caso produciuse ao recibirse varias chamadas na Xefatura informando que un mozo se estaba a tirar na C/ Valo, custa abaixo montado nun colector de residuos sólidos. Ao chegar a patrulla ao lugar, o mozo impactara contra un vehículo que circulaba polo seu carril de circulación, resultando ferido leve. Tras a reconstrución do accidente, ao mozo imputóuselle un delito contra a seguridade vial.











